Idiomas

Cepesca logra retirar 18 toneladas de redes para reciclaxe a través do proxecto ‘Reduse-II’

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O principal obxectivo deste proxecto foi promover a economía circular para alongar a vida útil dos aparellos do sector pesqueiro mediante a implantación dun modelo de xestión responsable deste tipo de residuos
  • Cunha duración de oito meses, levouse a cabo en oito portos, entre eles dous galegos (Celeiro e Ribeira), e en dúas empresas pesqueiras do litoral español, tendo desenvolvido 10 pilotos
  • Contemplou tamén accións de formación dirixidas aos actores implicados, á vez que analizou e validou datos dos pilotos, elaborando unha proposta de estratexia destes residuos expansiva a portos e entidades.

Cerceda, a 23 de setembro de 2022.- Cepesca (Confederación Española de Pesca) conseguiu retirar máis de 18 toneladas de redes para a súa reciclaxe a través do proxecto Reduse-II,  que levou a cabo durante oito meses en oito portos e dúas empresas pesqueiras do litoral español.

O principal obxectivo deste proxecto foi promover a economía circular para alongar a vida útil dos aparellos do sector pesqueiro mediante a implantación dun modelo de xestión responsable deste tipo de residuos.

ACCIÓNS E RESULTADOS

No marco do mesmo, establecéronse 17 acordos/convenios de colaboración ou protocolos de actuación con 21 axentes do sector tales como autoridades portuarias, organizacións de produtores, confrarías e cooperativas de pescadores, entre outros.

Así mesmo, desenvolveu 10 pilotos (posta en práctica dos modelos coa loxística necesaria para a súa execución -depósito, recollida, transporte, reutilización ou reciclaxe, e mesmo a creación de novos produtos a partir dos plásticos procedentes dos residuos-), en portos de Baleares, Asturias, Cantabria, Andalucía e Galicia (Celeiro e Ribeira), así como en dúas empresas marítimo-pesqueiras, unha atuneira e outra de deseño e confección de redes de pesca de arrastre, contando igualmente coa participación das empresas JJ Chicolino e Gravity Wave, cuxa labor de coordinación foi fundamental.

O proxecto tamén contemplou accións de formación dirixidas a todos os actores implicados (redeiros, armadores, pescadores ou autoridades portuarias, entre outros), tanto en xestión como na normativa actual relativa á redución do impacto de determinados produtos plásticos no medio ambiente, á vez que permitiu analizar e validar datos dos pilotos realizados para xerar coñecemento e crear modelos de xestión futuros con riscos operacionales mínimos e rendibles desde o punto de vista dos seus custos. Como resultado, Reduse-II elaborou unha proposta de estratexia de xestión destes residuos expansiva a portos e entidades.

Na xornada de peche desta iniciativa, o sector sinalou que o proxecto supuxo un gran paso para a toma de conciencia e participación dos diferentes axentes implicados na xestión de residuos de redes de pesca, e poder xerar, nun futuro, unha estratexia a nivel autonómico e nacional.

O proxecto Reduse-II é continuación do levado a cabo en 2021 (Red-Use) e desenvolveuse coa colaboración coa Fundación Biodiversidad e o MITERD a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP (Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro).

Fonte: naucher.com

Imaxe: Pixabay

23 Set 2022

Galería