Idiomas

“Coge3 nace co obxectivo de xerar conciencia medioambiental entre a poboación"

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Así se pronunciou Oscar García, un dos promotores desta Iniciativa Global, no programa EsRadio, onde foi entrevistado polo Doutor Balboa para falar da xornada de limpeza dun vertido incontrolado, e que se levou a cabo o pasado sábado, día 8, na Praia dos Alemáns, na localidade lucense de Foz.

•Para isto contaron coa axuda de 80 voluntarios que tiveron que servirse de cordas e grúas co fin de poder retirar os desperdicios de gran volume, especialmente neumáticos, lavadoras, persianas e, en xeral, refugallos procedentes do sector da pesca.

• A mecánica de Coge3 é sinxela: colle tres residuos, sácalles unha foto e compártea nas redes sociais; unha forma de educar e sensibilizar á cidadanía sobre a importancia que ten a correcta xestión do lixo para a integridade do medio ambiente.

Cerceda, a 11 de marzo de 2014.- Oscar García Alonso, un dos voceiros da Iniciativa Global Coge3, foi entrevistado polo Doutor Balboa na emisora EsRadio con motivo da xornada de limpeza dun vertido incontrolado na Praia dos Alemáns, na localidade lucense de Foz, e na que se conseguiu reunir a 80 voluntarios que traballaron de forma incansable durante 5 horas para retirar deste enclave natural en torno a 40 toneladas de residuos de todo tipo, fundamentalmente neumáticos, plásticos, lavadoras, persianas e, en xeral, refugallos procedentes do sector da pesca.

Debido ao difícil acceso, os voluntarios tiveron que axudarse de cordas e ata doutros utensilios para poder retirar os desperdicios de maior volume, contando para isto coa colaboración e apoio do concello de Foz, que lles cedeu un camión con grúa. O lixo foi transportado ao punto limpo municipal.

COGE3: SOLIDARIEDADE, SENSIBILIDADE, CONCIENCIACIÓN E TRABALLO

Esta actuación enmárcase na Iniciativa Coge3, na que colabora Sogama, e que xa se está a difundir por todo o mundo, contando mesmo coa implicación de diversas personalidades. É o caso, por exemplo, do Capitán Moore, descubridor da illa de plástico do Pacífico, que chegou a contactar cos seus promotores, converténdose en embaixador da mesma. Un xesto que enorgullece a Oscar García e aos seus compañeiros, que dedican gran parte do seu tempo a velar pola integridade do medio ambiente e, en consecuencia, pola calidade de vida da poboación.

Profesor de surf e empresario do ámbito deportivo, Oscar manifestou ante os micrófonos de EsRadio sentirse moi satisfeito por impulsar unha campaña que xa está deixando a súa pegada en diferentes puntos do planeta, pero sen esquecer o seu xerme, a Mariña lucense, e máis concretamente o Club Augas Santas de Barreiros, ao que pertence.

A filosofía de vida do grupo de ambientalistas que él mesmo lidera é clara: “Queremos concienciar e educar á cidadanía de que non se pode ensuciar o noso mundo”. E o que desexe formar parte dela, teno doado: cando saias a pasear, a gozar da praia, a montaña e, en xeral, do teu tempo de lecer, e atopes residuos, nin o dubides: Coge3, sácalles unha foto e compártea nas redes sociais antes de depositalos nos contedores correspondentes para propiciar a súa posterior recuperación e tratamento.

“O que nos emociona é recibir cada día 30-40 fotos con este fin”, manifestou o representante desta actuación, ao que engadiu que “queremos contribuír a concienciar ás futuras xeracións para que non fagan o mesmo que fixemos nós co contorno”.

García Alonso renunciou á súa profesión de topógrafo para dedicarse ao que realmente lle gusta e lle fai feliz: recrearse na natureza e facer posible que os demais gocen igualmente da mesma. Cun xesto é suficiente: Coge3.

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Mar 2014

Galería