Idiomas

Convocados os premios escolares correspondentes á quinta edición do programa "Recíclate con Sogama"

Print this pagePrint this pagePrint this page

•A convocatoria, promovida conxuntamente por Sogama e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pretende recoñecer o traballo desenvolvido en materia de xestión sostible de residuos polos 19 colexios que este ano participan no programa impulsado pola empresa pública.

•Os centros que desexen concorrer á mesma, deben presentar as súas memorias de actividades a través da plataforma dixital do Plan Proxecta antes do próximo 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente.

•Un xurado presidido polo presidente de Sogama será o encargado de avaliar os traballos aportados en función dunha serie de criterios xerais e específicos definidos previamente.

•Os premios consisten en vales canxeables por material educativo por importe de 600, 400 e 200 euros, podendo contemplarse igualmente a concesión de accésits.

•Os coordinadores e profesores pertencentes aos colexios premiados, recibirán, de mans da Consellería de Educación, unha certificación de premio de innovación educativa.

Cerceda, a 6 de marzo de 2017.- A Sociedade Galega do Medio Ambiente e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocan conxuntamente os premios escolares correspondentes á quinta edición do programa “Recíclate con Sogama”. Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, ten por obxecto promover a implantación da recollida selectiva de residuos nos centros e formar aos pequenos na xestión sostible do lixo en aras dunha maior reutilización e reciclaxe.

Con estes premios, orientados aos 19 centros escolares adscritos a Recíclate con Sogama, preténdese recoñecer e valorar o traballo da comunidade educativa ao longo do curso académcio co obxectivo de promover, tanto nas aulas como no seu ámbito familiar e contorno social máis inmediato, a práctica diaria dos tres erres, incidindo na importancia de reducir a produción de refugallos, a través dun consumo responsable; de alongar ao máximo a vida útil dos produtos, a través da reutilización; e de fomentar a correcta separación dos residuos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos distintos contedores habilitados nas vías públicas de cara a propiciar o seu reciclado e, xa que logo, o aforro de enerxía e materias primas.
Os centros que desexen concorrer a esta convocatoria, deben presentar as súas memorias de actividades a través da plataforma dixital do Plan Proxecta antes do próximo 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente. Nas mesmas, é preciso que describan o alcance dos seus proxectos, os obxectivos propostos, medios utilizados na súa consecución e actividades desenvolvidas, dando boa conta da relación de profesores implicados.

Un xurado presidido polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e no que actúa como vicepresidente o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativas, Manuel Corredoira López, será o encargado de avaliar os traballos presentados. Para isto, teranse en conta unha serie de criterios. Entre os xenéricos, que computarán co 50% da puntuación, inclúese a adecuación do proxecto ás liñas estratéxicas do Plan Proxecta, a calidade da memoria en canto a estrutura, contido e redacción, e visibilidade do proxecto a través das ferramentas articuladas polos centros (páxina web, blog, etc). E entre os específicos, que aportan o 50% restante dos puntos, inclúese a calidade do material seleccionado e depositado nos distintos contedores que conforman as illas de reciclaxe subministradas por Sogama en cada colexio, o desenvolvemento de actividades nas que se impliquen ás familias e as fórmulas articuladas para propiciar a participación dos concellos nos proxectos.

Os premios consisten en vales canxeables por material educativo e importe de 600, 400 e 200 euros. Non obstante, tamén se poderán conceder accésits a aqueles centros que tiveran destacado pola realización dalgunha actividade concreta que contribúa en boa medida a alcanzar os obxectivos do programa.

Pola súa banda, a persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados, tanto con vales económicos como con accésits, recibirán da Consellería de Educación unha certificación de premio de innovación educativa, cunha equivalencia en 30 horas de formación para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto dos docentes.

CENTROS PARTICIPANTES EN RECÍCLATE CON SOGAMA

A distribución dos centros participantes é a seguinte:

-Tres pola provincia da Coruña:

•CPI Plurilingüe Virxe da Cela, en Monfero
•CEIP A Cristina, en Carballo
•CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, en Ferrol

-Cinco pola provincia de Lugo:

•CPR Sagrado Corazón de Jesús, en Ribadeo
•CEIP Luís Pimentel, en Lugo
•CEIP de Lousada, en Guntín
•CEIP Eloísa Rivadulla, en Chantada
•CEIP de Muimenta, en Cospeito

-Catro pola Provincia de Ourense:

•CPR Plurilingüe Divina Pastora, en Ourense
•CEIP Virxe do Camiño, en Rubiá
•CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio
•CPR Plurilingüe Divina Pastora, en O Barco de Valdeorras

-Sete pola Provincia de Pontevedra

•CPI Aurelio Marcelino Rey García, de Cuntis
•CEIP de Viñagrande Deiro, en Vilanova de Arousa
•CEIP A Guía, en Moaña
•CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, en As Neves
•CEP Plurilingüe de Riomaior en Vilaboa.
•CPI de Cova Terreña, en Baiona
•CPR Plurilingüe Padres Somascos, en A Guarda

Todos os centros dispoñen de contedores de recollida selectiva subministrados por Sogama a fin de que poidan materializar a separación de residuos nos propios recintos escolares. Aqueles que contan con servizo de comedor, tamén recibiron un composteiro. Ademais, a empresa pública proporcionou a todos eles múltiples recursos didácticos, lúdicos e divulgativos, ao tempo que os obsequiou con charlas impartidas por educadores ambientais e con visitas ao complexo medioambiental de Cerceda, que se atopan en período de execución.

Así mesmo, persoal técnico ao seu servizo realiza visitas de seguimento a cada colexio para comprobar a evolución dos proxectos, solventar posibles dúbidas e corrixir erros.

Saúdos, Departamento de Comunicación

6 Mar 2017

Galería