Idiomas

Día Mundial do Medio Ambiente, data estrela no calendario verde

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Baixo o lema “Go wild for life”, a presente edición constitúe unha chamada de atención para a conservación das especies salvaxes, constituíndo Internet o maior escaparate para o tráfico ilegal das mesmas.

•Sogama conmemora esta efeméride cunha xornada que terá lugar en Pontevedra o venres, día 3, baixo o título “Galicia, na senda da economía circular”.

•A compañía pública colabora, desde o seu ámbito de responsabilidade, na preservación do medio ambiente, tanto a través da súa actividade industrial na xestión sostible dos residuos urbanos producidos na maior parte do territorio galego como a través da educación ambiental da poboación.

Cerceda, a 1 de xuño de 2016.- Tal e como vén sucedendo desde que, en decembro de 1972, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas instituira esta celebración, en recordo do primeiro Cumio Mundial sobre Medio Ambiente celebrada en Estocolmo, un ano máis conmemórase esta efeméride, que constitúe o principal evento de Nacións Unidas para fomentar o cambio de conciencia nos seres humanos cara as temáticas medioambientais, de maneira que se convertan en axentes activos do desenvolvemento sostible e equitativo.

Non se pode esquecer que, tal e como declarou no seu momento o propio Secretario Xeral das Nacións Unidas, Ban Ki Moon, “Malia que as decisións individuais poden parecer insignificantes á luz das ameazas e tendencias mundiais, cando miles de millóns de persoas se unen cun propósito común, poden marcar unha gran diferenza”. Só así será factible a cooperación a nivel global para alcanzar a sostibilidade e a protección e mellora do medio ambiente, posibilitando un futuro máis próspero e saudable para todos.

“GO WILD FOR LIFE!”, LEMA DA PRESENTE EDICIÓN

Para chamar a atención mundial sobre o gravísimo problema que representa o tráfico ilegal de especies silvestres e reclamar tolerancia cero con esta actividade, Nacións Unidas elixiu un lema que poderiamos traducir ao castelán como “Vólvete salvaxe pola vida”. E non é de estrañar que Nacións Unidas estea preocupada pola conservación das especies salvaxes, cuxa situación, en moitos casos, é realmente dramática. Son ben coñecidas as dificultades de elefantes, tigres, gorilas e tartarugas mariñas para sobrevivir. Pero, lamentablemente, sen tanta repercusión mediática, outros milleiros de especies presentan uns continxentes de poboación tan exiguos e ameazados que as sitúan prácticamente ao borde da extinción. Tal é o caso, por citar só tres exemplos, do cálao de yelmo, un ave endémica de Malaca, Borneo e Sumatra; o pangolín, unha especie de armadillo, que habita en zonas de Asia e África; ou as moi coñecidas orquídeas silvestres.

Estímase que o comercio ilegal de especies animais e vexetais representa o terceiro tráfico ilícito máis importante do planeta, tan só por detrás do contrabando de estupefacientes e de armas.

Este negocio non só supón unha ameaza para a supervivencia das especies, senón que conlleva unha degradación dos ecosistemas, a perda da biodiversidade e un notable debilitamento das economías dos países afectados. Ademais, xera graves problemas de inseguridade, polo auxe de certas formas de delincuencia organizada que controla esta actividade.

INTERNET: UN MERCADO GLOBAL

O gran escaparate que supón Internet non fixo máis que agravar esta problemática. De feito, hoxe en día, a rede xoga un papel fundamental no comercio de vida silvestre protexida, toda vez que é o mercado máis grande do mundo, cun alcance prácticamente ilimitado; un mercado caracterizado pola súa escasa regulación, cunha gran dose de anonimato, que garante unha elevada impunidade. A través da rede de redes pódese atopar e adquirir marfil de elefante, ósos de tigre, abrigos de leopardo, cornos de rinoceronte, artigos de xoyería confeccionados con conchas de Carey, aves exóticas, primates, reptiles, etc. Se temos en conta que por cada espécime que chega vivo aos mercados, falecen un bo número de exemplares durante a captura, a manipulación e o transporte, podemos facernos unha idea do alcance devastador desta actividade ilícita.

Así pois, esta celebración debe supoñer unha seria chamada de atención ás nosas conciencias para que, entre todos, reduzamos e erradiquemos a demanda de especies protexidas, o cal, xunto cunha lexislación severa, dará ao traste coa caza e o tráfico ilegais.

SOGAMA E A PRESERVACIÓN DO MEDIO AMBIENTE

Desde o seu ámbito de responsabilidade, Sogama colabora na preservación do medio ambiente, tanto a través do desenvolvemento da súa actividade industrial na xestión sostible dos residuos urbanos producidos na maior parte do territorio galego como a través da educación ambiental da poboación.

Porque non se pode esquecer que o consumo irracional e a xeración incontrolada de refugallos e o seu inaxeitado tratamento representan algunhas das maiores ameazas para a contorna natural.

Por isto, desde a Sociedade Galega do Medio Ambiente apostouse en todo momento por levar a cabo un labor de educación e concienciación ambiental na práctica do principio dos 3R (redución, reutilización e reciclaxe), que a empresa complementa coa recuperación enerxética da parte non reciclable desde a máxima eficiencia industrial e as máximas garantías ambientalis e de protección da saúde pública.

Actualmente, e seguindo as correntes máis en boga, a compañía incorporou ás súas iniciativas empresariais o concepto de economía circular, que concibe ao residuo como un recurso de valor e propugna unha serie de accións para reducir e optimizar o consumo de recursos naturais.
Sogama conmemora este efeméride cunha xornada que terá lugar en Pontevedra este venres, día 3, baixo o título “Galicia, na senda da economía circular”.

Saúdos. Departamento de Comunicación

1 Xuñ 2016

Galería