Idiomas

"Do pneumático usado aprovéitanse todos os seus materiais"

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Nunha entrevista concedida á emisora Radio Líder, no marco do programa "Galicia al Natural", Marta Losa, Directora da planta de Sertego en Lalín, explicou o proceso de xestión ao que os pneumáticos fóra de uso son sometidos para proceder á recuperación dos seus compoñentes: caucho, destinado a asfaltos e chans de seguridade; aceiro, que se remite á industria recicladora, e fibras, que se recuperan enerxeticamente en cementeiras.

•Apuntou que a instalación recibiu o pasado ano unhas 13.700 toneladas de materiais; unha cifra moi similar á do 2012, pero inferior á de anos anteriores, que se moveron nas 16.000 toneladas.

•Os datos de recuperación en España foron de 160.213 toneladas no 2012, das cales un 12 por cento se reutilizaron para pneumáticos de ocasión, un 55,6 por cento destináronse a valorización material e un 32 por cento a valorización enerxética.

•Entende que poñer en marcha nestes momentos unha planta integral de recuperación de pneumáticos fóra de uso en Galicia resulta inviable. "Hai suficientes plantas en España, pero debido á crise falta materia prima", subliñou.

Cerceda, a 17 de marzo de 2014. - A firma Sertego, resultante do proceso de integración de todas as compañías de xestión e tratamento de residuos industriais do Grupo Urbaser, está conformada actualmente por 55 plantas de tratamento que xestionan un volume de máis de 855.000 toneladas de refugallos anuais. Unha delas, dedicada á xestión de pneumáticos fóra de uso, está emprazada na localidade pontevedresa de Lalín, e para falar do seu labor contouse, no programa "Galicia al Natural" de Radio Líder, coa participación da súa máxima responsable, Marta Losa, quen explicou o proceso que se leva a cabo na mesma.

Neste sentido, clarificou que se trata dun centro de recollida e clasificación de pneumáticos, tarefa que a compañía asumiu no marco dun convenio formalizado coa Xunta de Galicia, procedendo á separación dos materiais susceptibles de ter un segundo uso, fomentando a súa reutilización, e remitindo a reciclaxe e/ou a valorización o resto.

As cantidades procesadas na planta son variables. Apuntou que no 2013 recepcionaron 13.700 toneladas e o 2012 moveuse aproximadamente nas mesmas cifras. Non obstante, destacou que o balance de anos anteriores foi bastante mellor, toda vez que recibiron da orde de 16.000 toneladas, recoñecendo abertamente a notable influencia da crise.

Apuntou que os talleres de reparación de vehículos, como punto de xeración, quedan obrigados, no marco da normativa vixente, a entregar os pneumáticos usados a un xestor autorizado; un proceso que lles resulta gratuíto sempre e cando cumpran cos requisitos impostos por SIGNUS (Sistema Integrado de Xestión que organiza a recollida destes materiais e que está formado polas empresas produtoras).

Así mesmo, fixo especial fincapé en que do pneumático aprovéitase absolutamente todo, clarificando que do caucho se obteñen diferentes produtos que son aplicados, por exemplo, en asfaltos e chans de seguridade, como é o caso dos parques infantís; que o aceiro se recicla; e que a fibra resultante se adoita entregar a cementeiras, onde se procede á súa valorización enerxética, actuando como combustible.

En España, as taxas de recuperación de pneumáticos fóra de uso movéronse, no ano 2012, nas 160.213 toneladas, das cales o 12 por cento foron reutilizadas para pneumáticos de ocasión, o 55,6% valorizáronse materialmente e o 32 por cento destináronse a valorización enerxética. As porcentaxes en Galicia, que representa o 8,5 por cento da recollida total, son moi similares.

Aínda que ben é certo que no seu momento se avaliou a posibilidade de levar a cabo na nosa comunidade o proceso integral de recollida e xestión final deste material en lugar de envialo a outros puntos de España para completar o tratamento, Marta Losa recoñece a inviabilidade desta iniciativa, toda vez que nestes momentos existen suficientes plantas no noso país. "O que falta é materia prima", ao que engadiu que "debido á crise, algunhas tiveron mesmo que pechar. Confirmou o importante crecemento da exportación, " pero montar unha planta integral en Galicia non sería viable nestes momentos", sentenciou.

Saúdos, Departamento de Comunicación

17 Mar 2014

Galería