


- Durante a COP15 de 2022, a Universidade de Oxford e o PNUMA anunciaron unha nova iniciativa mundial para impulsar o sector da educación superior cara a un futuro máis ecolóxico como parte do Decenio das Nacións Unidas para a Restauración dos Ecosistemas
- A través da Nature Positive Universities Alliance, 117 Universidades xa asumiron un compromiso oficial e comezaron a avaliar o seu impacto ambiental co fin de emprender accións á súa medida para reducir a súa pegada ecolóxica no noso planeta
- Pola súa banda, 408 universidades máis uníronse á rede Nature Positive University co fin de cooperar en favor da natureza nos seus campus, co apoio dun programa global de embaixadores estudantís
Cerceda, a 11 de xaneiro de 2023. Durante a Conferencia das nacións Unidas sobre Biodiversidade (COP15), a Universidade de Oxford e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) anunciaron o lanzamento da Nature Positive Universities Alliance, unha rede mundial de universidades que se comprometeron oficialmente a avanzar nos esforzos para deter, previr e reverter a perda da natureza abordando os seus propios impactos e restaurando os ecosistemas danados polas súas actividades. Este esforzo inscríbese dentro do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas, un movemento para evitar a catástrofe climática e a extinción masiva.
A Alianza de universidades con impacto positivo para a natureza reúne a institucións de educación superior para utilizar o seu poder e influencia únicos como impulsores do cambio positivo. Unha parte das universidades xa realizan investigacións ambientais e de conservación para axudar ás accións dos gobernos e empresas, pero ao abordar publicamente as súas propias cadeas de subministración e os impactos operativos na natureza, tamén poden axudar a guiar á comunidade en xeral no camiño para abordar a tripla crise planetaria do cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación.
A iniciativa, que forma parte do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas, inspírase na Universidade de Oxford e lánzase con 117 universidades de 48 países, que fixeron promesas individuais para abordar os seus impactos na natureza. Os compromisos da universidade inclúen catro elementos crave: 1) levar a cabo avaliacións de referencia; 2) establecer metas ecolóxicas específicas, limitadas no tempo e medibles; 3) tomar medidas audaces para reducir os impactos da biodiversidade, protexer e restaurar especies e ecosistemas, á vez que se inflúe en terceiros para que fagan o mesmo; 4) informes anuais transparentes.
Todas as universidades fundadoras anunciadas comprometéronse a avaliar os seus impactos para determinar as iniciativas máis impactantes a introducir e informar sobre os seus avances. Entre as iniciativas emprendidas ata a data cabe citar as seguintes:
• Establecemento de infraestrutura amigable coa natureza, como corredores ecolóxicos na Universidade de Bos Aires (Arxentina) e a Universidade de Campinas (Brasil), e novas paredes verdes na Universidade de Lincoln (Reino Unido) para apoiar aos polinizadores.
• Contribución á forestación e restauración a través da creación de bosques institucionais no Government Dungar College en Bikaner (India) e a Universidade de Aveiro (Portugal).
• Realización de enquisas e auditorías universitarias sobre biodiversidade na Universidade de Turku (Finlandia) e obxectivos para aumentar a biodiversidade en todos os campus da Universidade de Melbourne (Australia).
• Mellora da cadea de subministración a través de servizos de restauración sostibles, como a redución do desperdicio de alimentos e menús máis sostibles na Universidade de Oxford (Reino Unido) e a produción agrícola de alta calidade no campus para abastecer comedores universitarios na Universidade Ahmadu Belo (Nixeria).
• Compromisos para mellorar as pegadas operativas, como lograr a acreditación de Green Lab en todos os laboratorios da Universidade de Exeter (Reino Unido).
• Establecemento de centros rexionais de universidades que colaboran cun obxectivo de impacto positivo na natureza en Alxeria, Nixeria, India e Canadá.
A rede tamén inclúe un Programa de Embaixadores Estudantís, que suma a máis de 100 estudantes de 35 países que alentan ás súas universidades para comprometerse institucionalmente mediante a promoción e organización de actividades con impacto positivo para a natureza. É o caso do voluntariado para a restauración da natureza, o establecemento de viveiros e o uso dos seus estudos para seguir promovendo a sostibilidade das súas institucións.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pexels