Idiomas

A educación ambiental da poboación, un dos grandes obxectivos de Sogama

Print this pagePrint this pagePrint this page

•O vindeiro domingo, día 26, celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, unha efeméride que tivo a súa orixe en 1972, no marco da Declaración da Conferencia das Nacións Unidas sobre Medio Ambiente, representando un antes e un despois na visión das cuestións medioambientais.

•Tres anos despois, coa Carta de Belgrado, pasou a concibirse como un proceso dinámico e participativo que busca sensibilizar á poboación sobre a problemática ambiental, abordando varias frontes: a toma de conciencia, o coñecemento, as actitudes, as aptitudes, a capacidade de avaliación e a participación.

•Dentro do modelo Sogama, a educación ambiental ocupa un lugar prioritario pola necesidade de contar coa colaboración da cidadanía na xestión sostible do lixo doméstico. De aí que a empresa veña poñendo en marcha diversas iniciativas coas que busca sensibilizar aos cidadáns na materia, contribuíndo a que estes sigan a senda do verdadeiro desenvolvemento sostible.

Cerceda, a 24 de xaneiro de 2014.- O vindeiro domingo, día 26, celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, unha efeméride que tivo a súa orixe na Declaración da Conferencia das Nacións Unidas sobre Medio Ambiente, celebrada en Estocolmo (Suecia), en 1972, e que veu supoñer un antes e un despois na visión das cuestións medioambientais desde a dimensión educativa, expoñendo a necesidade de criterios e principios cos que mellorar o noso contorno.

Posteriormente, celebrouse un Seminario Internacional que dou como resultado a Carta de Belgrado, na que se plasmaron as reivindicacións fundamentais da educación ambiental, pasando a ser concibida como un proceso dinámico e participativo que busca sensibilizar á poboación sobre a problemática do medio ambiente, tanto desde unha dimensión xenérica como específica, prestando especial atención ao espazo máis inmediato de cada cidadán.

É por isto que se conclúe a necesidade de que a educación ambiental traballe en varias frontes: a toma de conciencia sobre os problemas do medio ambiente, o coñecemento, as actitudes, adquirindo valores sociais, as aptitudes, interiorizando as habilidades necesarias para resolver os problemas, a capacidade de avaliación, tendo en conta os condicionantes ecolóxicos, políticos, sociais, estéticos e educativos, e, por suposto, a participación, desenvolvendo o sentido da responsabilidade.
Porque non vale unicamente coñecer, senón que hai que aprender a apreciar e a defender, pois a natureza, lonxe de ser unha fonte inagotable de recursos ao noso servizo, é un ecosistema fráxil coas súas propias esixencias.

PRIORIDADE NO MODELO SOGAMA
Esta data é especialmente importante para Sogama, toda vez que, máis aló da súa actividade no ámbito industrial para dar unha mellor xestión e tratamento aos residuos urbanos que producen 2.316.000 habitantes, exerce unha importante función educativa á que adica numerosos medios coa pretensión de que todos asumamos, desde o convencemento, o noso papel, único e insustituible, para que o lixo, lonxe de ser un problema se converta nunha oportunidade para o crecemento, o progreso, a economía, a cohesión social e, por suposto, para a protección do noso patrimonio natural e, en definitiva, para a mellora do noso benestar e calidade de vida.

Con tal motivo, vén poñendo en marcha, de forma permanente, numerosas iniciativas cun obxectivo común: lograr a colaboración da cidadanía nese gran reto que supón a aplicación efectiva do principio comunitario dos tres erres, isto é, producindo menos residuos, aproveitando ao máximo os produtos e, por suposto, separando correctamente os desperdicios por tipoloxías e depositándoos nos contedores axeitados para que poidan ser reciclados, contribuíndo desta forma ao aforro de enerxía e materias primas. Sen este labor cidadán previo, resulta evidente que a reciclaxe non é viable.

Campañas tales como “Ti es a peza que falta”, “Separemos ben, reciclaremos mellor”, redución de bolsas plásticas non biodegradables, programa de visitas ás súas instalacións, espazos radiofónicos de corte ambiental, material educativo (vídeos, unidades didácticas, videocpntos, portais educativos, xogos, …), e convenios de colaboración con asociacións e concellos, son, ademais das súas redes sociais “Por unha Galicia sostible, educación ambiental Sogama” en Facebook, Twitter e Tuenti, algunhas das iniciativas que a Sociedade vén poñendo en marcha para para sensibilizar aos cidadáns, contribuíndo a que estes sigan a senda do verdadeiro desenvolvemento sostible.

Saúdos, Departamento de Comunicación

24 Xan 2014

Galería