Idiomas

A “Escola da Reciclaxe”, un instrumento didáctico de interese para contribuír á recuperación de lámpadas, pilas, móbiles e aparellos eléctricos e electrónicos

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Con cobertura a nivel nacional, está promovida polos Sistemas Integrados de Xestión Ambilamp, Ecopilas, Recyclia e Tragamóvil, sendo o seu obxectivo propiciar o reciclado destes residuos de carácter especial, cuxo destino debe ser os puntos limpos, evitando o seu depósito no contedor verde convencional.

•Para levar a cabo o seu cometido, a escola pon a disposición dos interesados diferente material divulgativo e un programa E-Learning a través do cal se proporcionan as oportunas explicacións, adaptadas aos diferentes niveis educativos.

Cerceda, a 12 de febreiro de 2014.- A Escola de Reciclaxe tense evidenciado como unha interesante ferramenta para a educación ambiental dos escolares españois no ámbito da xestión dos residuos urbanos.

Promovida polos Sistemas Integrados de Xestión de lámpadas, pilas, aparellos eléctricos e electrónicos, e móbiles, isto é, Ambilamp, Ecopilas, Recyclia e Tragamóvil, pretende concienciar aos máis novos sobre a necesaria contribución á reciclaxe, facilitándolles os instrumentos didácticos necesarios.

PROGRAMA E-LEARNING

Esta plataforma, que está a disposición de todos os interesados, diferenza claramente os contidos destinados a ensino primario e secundario, mantendo en ambos casos o mesmo esquema e estrutura:

- “O Planeta Terra en perigo”, onde unha nena virtual (Paula) exerce de guía dos usuarios. Tras realizar unha introdución á necesaria protección do medio ambiente e á correcta separación de residuos, aborda cuestións máis xenéricas tales como a contaminación, o impacto ecolóxico, a biodiversidade, a poboación e os recursos naturais.

Concluída a exposición, o internauta ten a oportunidade de contrastar os coñecementos adquiridos respondendo a unha serie de preguntas. Así mesmo, móstrase un vídeo onde a protagonista reflexiona cos seus amigos sobre o lugar no que introducir materiais tales como consolas vellas, móbiles, lámpadas e pilas.

- “Reciclar depende de ti”, apartado ao que se accede tras superar a primeira fase e no que se profundiza sobre a selección e recuperación dos refugallos anteriormente referenciados, dando a coñecer a historia dos distintos produtos (“O noso consumo deixa pegada”), o seu ciclo de vida (“Da natureza ás túas mans”), a súa axeitada recollida selectiva (“Separar para reciclar”) e o impacto medioambiental que suporía arroxalos ao lixo convencional en lugar de desvialos aos puntos limpos, recintos pechados de carácter municipal que contan con contedores específicos para albergar estes materiais (“Reciclar está nas túas mans”).

- “Zonas lúdicas”, podendo elixir aquí entre tres xogos: o Recitrivial, de preguntas e respostas; Ecodestroyer, orientado cara a recuperación de residuos, e o Ecopinball.

- “Para a aula”, apartado no que se recolle material pedagóxico orientado aos docentes e co que se pretende axudalos para que poidan abordar esta temática nos centros.

MENOS IMPROPIOS

Se ben o cometido de Sogama céntrase na xestión dos contedores amarelo (envases de plástico, latas e briks) e verde convencional (fracción resto), o certo é que resulta frecuente a presenza de lámpadas, pilas, móbiles e aparellos eléctricos e electrónicos en calquera dos dous recipientes, incrementando a porcentaxe de impropios.

Cunha axeitada separación dos materiais e o correcto depósito dos mesmos nos contedores correspondentes, propiciarase o seu reciclado e as conseguintes vantaxes ambientais e económicas, pois ao aforro de enerxía e de materias primas, habería que engadir a diminución das cantidades de lixo entregadas a Sogama polos concellos e, polo tanto, un menor importe da factura que estes deben pagar á empresa.

Saúdos, Departamento de Comunicación

12 Feb 2014

Galería