Idiomas

Javier Domínguez visita “Reciclaxe Creativa”, o espazo de Equiocio para a educación ambiental

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Desprazouse esta mesma mañá ao Campo das Cabazas, en Ferrol, para participar no acto inaugural dun evento que vai máis aló de ser unha competición hípica de alto nivel, toda vez que está impregnado dunha boa dose de sostibilidade
  • Sogama, que xa veu colaborando en edicións anteriores, faino nesta ocasión a través do patrocinio dun programa educativo que aglutina unha serie de talleres sobre as posibilidades que os residuos teñen de converterse en novos recursos

Cerceda, a 5 de agosto de 2022.- No marco da presente edición da proba deportiva ecuestre Equiocio 2022, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, desprazouse ao Campo das Cabazas, en Ferrol, para participar no acto inaugural dun evento plenamente asentado no panorama nacional e internacional e que vai máis aló de ser unha competición hípica de alto nivel, toda vez que está impregnado dunha boa dose de sostibilidade.

Ata o próximo día 7 de agosto, os interesados poderán gozar dunha cita na que se combinará deporte, medio ambiente, espectáculo e lecer, e todo isto baixo un prisma que pretende conxugar os ingredientes do desenvolvemento sostible.

Sogama, que xa veu colaborando en edicións anteriores, faino nesta ocasión a través do patrocinio do programa “Reciclaxe Creativa”, que aglutina unha serie de talleres sobre as posibilidades que os residuos teñen de converterse en novos recursos se se fai unha correcta xestión dos mesmos.

OS 3R, PUNTO DE PARTIDA

Domínguez achegouse ao espazo reservado para traballar no ámbito dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), onde se mostrou moi satisfeito con esta iniciativa, destacando a importancia da formación ambiental no comportamento dos cidadáns. Así mesmo, puxo de relevo o importante papel ambiental dos pequenos da casa, xa que actúan como verdadeiros prescritores da sostibllidade a través da redución da produción de refugallos en orixe, o máximo aproveitamento dos produtos ata esgotar a súa vida útil e a recuperación dos mesmos, unha vez convertidos en residuos, só posible se foron clasificados en orixe e depositados posteriormente nos contedores de recollida selectiva habilitados nas vías públicas.

A elaboración de murais e obras de arte a partir de materiais de refugallo contribuirá a conciencialos sobre o potencial daquilo que aparentemente nos sobra.

Están previstos dous talleres diarios: un dirixido ao público infantil, cun límite de 15 prazas, e outro orientado a persoas adultas con distintas capacidades e limitado a 20 prazas. Para todos eles hai sorpresas e agasallos.

Saúdos, Departamento de Comunicación

5 Ago 2022

Galería