Idiomas

Luís Lamas entrega o primeiro premio de "Recíclate con Sogama" ao CEP Sabarís de Baiona

Print this pagePrint this pagePrint this page

•O evento, ao que acudiu o alcalde da localidade e os concelleiros de Medio Ambiente e Educación, tivo lugar esta mesma mañá no salón de actos do centro, contando igualmente cunha representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

•O galardón tomou a forma de vale canxeable por 1.000 euros para material escolar, así como entradas para o Aquapark de Cerceda, das que poderán facer uso todos os escolares adscritos a este colexio.

•O presidente de Sogama puxo de relevo o extraordinario traballo que, no eido da reciclaxe, a comunidade educativa levou a cabo durante o curso académico que agora conclúe, e non dubidou en animar aos alumnos a que instrúan na materia ás súas familias e contorno social máis inmediato. O obxectivo: reciclar máis e mellor.

•A alta receptividade, o comportamento exemplar dos pequenos e a magnífica colaboración da Dirección e equipo docente, fixeron posible que a cita de hoxe quede para o recordo.

Cerceda, a 19 de xuño de 2014.- Unha xornada entrañable para recordar. Así podería definirse o acto de entrega do primeiro premio correspondente ao programa “Recíclate con Sogama” 2013-2014 e que nesta segunda edición recaeu no CEP Sabarís de Baiona (Pontevedra) polo seu proxecto “Reciclándonos”; unha iniciativa na que a comunidade educativa investiu grandes esforzos para que a reciclaxe se convertera nunha realidade nas aulas.

RECOÑECEMENTOS, FELICITACIÓNS E EMOCIÓNS

O galardón,que tomou a forma dun vale canxeable por 1.000 euros para material escolar, así como entradas para o Aquapark de Cerceda, das que poderán facer uso todos os escolares, foilles outorgado polo presidente de Sogama, Luís Lamas, nun acto celebrado esta mesma mañá no centro e a través do cal se pretendía recoñecer públicamente o esforzo e traballo desenvolvido por profesores e alumnos ao longo do curso académico que agora conclúe, poñendo de relevo a importancia que ten a correcta separación de residuos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores situados nas vías públicas para facilitar o seu reciclado. Un obxectivo só posible dende a corresponsabilidade e a cooperación.

Lamas aludiu a que, se ben a reciclaxe constitúe unha prioridade, non debe perderse de vista a redución da xeración de refugallos pola súa importancia estratéxica. E como exemplo puxo a inxente cantidade de alimentos que cada día son desperdiciados por falta de planificación e de racionalidade. De aí que avanzase que unha das próximas campañas a desenvolver pola Sociedade que dirixe xirará precisamente en torno á redución dos restos de comida arroxados ao cubo do lixo, un xesto non só ecolóxico e económico, senón moral.

Nun clima moi agradable e próximo, os nenos ata se atreveron a levantar a man e pedir quenda para contar as súas experiencias e impresións, e non dubidaron en queixarse da falta de contedores nalgún punto do municipio. O alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, que estivo acompañado polos concelleiros de Medio Ambiente e Educación, recolleu a luva e explicoulles os motivos polos cales algunhas zonas con especiais características non poden contar con todos os recipientes que serían desexables.

O rexedor mostrouse satisfeito e orgulloso de que os escolares de Baiona sexan os “gañadores da reciclaxe en Galicia”, un estatus que deben preservar. É por isto que os retou a seguir facéndoo igual de ben, a educar aos maiores, levando a cabo unha tarefa formativa nos seus fogares e contorno social máis inmediato, e a tirar das orellas ao concello para que faga as cousas mellor.

Tamén o representante da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Alberto Sacido, quixo felicitar ao colexio polo seu bo facer, sensibilidade ambiental e traballo incansable, contribuíndo a facer deste planeta un mundo mellor.

Pola súa banda, a Directora do CEP Sabarís, Mª Luisa Albores Crespo, agradeceu a oportunidade concedida por Sogama para participar no seu programa educativo, así como a súa colaboración e apoio. Así mesmo, aproveitou a ocasión para enxalzar o labor desenvolvido polo docente que exerceu a coordinación do proxecto no centro, Bernardo Gallego Otero, alma mater e artífice incuestionable das distintas actividades levadas a cabo. Agradeceu igualmente o respaldo do concello, que respondeu sempre de forma positiva ás súas peticións e demandas.

UN PEQUENO DESCANSO

A illa da reciclaxe subministrada por Sogama no seu momento, e conformada por tres contedores (amarelo, para os envases lixeiros; azul, para o papel e cartón; e verde, para a fracción non reciclable) terá un descanso no verán, pero a partir de setembro regresará de novo á súa dinámica habitual: propiciar a recuperación de lixo.

Non obstante, a reciclaxe en si non entende de vacacións. Os cativos do Sabarís sábenno ben: a separación de residuos constitúe un xesto a poñer en práctica todo o ano.

Saúdos, Departamento de Comunicación

19 Xuñ 2014

Galería