SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Medio Ambiente, a través de Sogama, inviste 15,5 M€ na futura planta de biorresiduos de Vilanova

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • A conselleira Ángeles Vázquez visitou hoxe o polígono vilanovés de Baión, onde  se adquiriron sete parcelas de preto de 20.000 metros cadrados por 1,5 millóns
  • Subliña que a nova instalación xerará arredor de 30 empregos directos e indirectos e terá importantes beneficios para a economía local e de toda a comarca do Salnés
  • Cunha capacidade de tratamento de 15.000 toneladas de fracción orgánica dos residuos urbanos, prevese que alcance unha produción de 6.000   toneladas anuais de compost de calidade, que se destinará a usos agrícolas
  • Trátase da segunda planta deste tipo coa que contará Galicia tras a posta en marcha da de Cerceda

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 2 de decembro de 2020.- A Consellería de Medio Ambiente, a través de Sogama, inviste 15,5 M€ na futura planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa.

Acábase de sacar a licitación a redacción do proxecto básico para a construción desta instalación. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que aproveitou a súa visita ao polígono de Baión, onde se localizará a futura planta, para explicar que hoxe mesmo deuse por iniciado o procedemento, co anuncio desta licitación por 157.000 euros, IVE incluído.

Os terreos que albergarán as instalacións -sete parcelas que se estenden por unha mazá enteira do polígono vilanovés- suman unha superficie de 20.000 metros cadrados e foron adquiridos por 1,5 millóns de euros. Tal e como explicou a conselleira, este foi o primeiro paso para impulsar a que será a segunda planta en Galicia dedicada ao tratamento e xestión dos chamados biorresiduos domésticos, logo da posta en marcha da de Cerceda.

O obxectivo da nova infraestrutura proxectada en Vilanova é dar servizo a aproximadamente 25 concellos do chamado eixo atlántico sur, polo que Ángeles Vázquez subliñou que os beneficios da súa posta en marcha percibiranse no municipio, pero tamén en toda a comarca do Salnés. Neste sentido, a previsión é que a planta dea emprego directo na zona a entre 8 e 10 persoas, ás que se sumarán arredor doutros 20 empregos inducidos.

En canto á capacidade da planta, a conselleira indicou que poderá tratar ata 15.000 toneladas ao ano de fracción orgánica de residuos domésticos e outras 7.000 Tn de podas e restos de madeira. Con este material, explicou que o obxectivo é acadar unha produción de 6.000 Tn anuais de compost de alta calidade, que se destinará ao sector da agricultura como abono natural e sostible en substitución dos fertilizantes artificiais.

A planta abranguerá a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos recibidos, comprendendo todas as fases (pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento), así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas. O tratamento levarase a cabo en naves pechadas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías de procesado, control de cheiros e ruído, e a operativa industrial da instalación alimentarase con enerxía renovable (a través de paneis solares, fundamentalmente).

Tal e como lembrou a conselleira, está previsto construír outras dúas plantas no sur de Ourense e no norte de Lugo, co fin de poder ofrecer o mesmo servizo nestas dúas provincias e cubrir a totalidade da Comunidade galega.

ORZAMENTOS 2021 PARA MELLORAR A XESTIÓN DOS RESIDUOS

Tras incidir en que unha das prioridades dos orzamentos do seu departamento para 2021 será seguir avanzando cara a un modelo moderno e eficaz na xestión dos residuos que sitúe a Galicia á vangarda de Europa nesta materia, Ángeles Vázquez detallou que se dedicarán 31,4 millóns de euros procedentes dos fondos europeos REACT só a este capítulo.

Desta partida global, cinco millóns irán dirixidos a transformar as cinco microplantas de transferencia coas que conta actualmente Sogama –localizadas en Ponteceso, Curtis, Riotorto, A Lama e A Cañiza- en instalacións máis eficientes e con maior capacidade, aumentando as taxas de reciclaxe e reducindo as emisións de CO2, e outros 25 millóns dedicaranse a fomentar a compostaxe na Comunidade a través das tres novas plantas de biorresiduos proxectadas nas provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo.

Grazas a estes investimentos, a conselleira considerou que Galicia poderá seguir optimizando e consolidando a eficiencia do seu actual modelo de xestión de recollida selectiva dos residuos, en cumprimento das directrices europeas, ao tempo que contribuirán a crear novos empregos verdes en diferentes sectores profesionais.

Fonte: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

2 Dec 2020

Galería