Idiomas

O 5º contedor na Mariña lucense, protagonista da Semana Europea da Prevención de Residuos

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Co lema “O Marrón, o contedor que devolve vida”, Sogama promove unha campaña que se desenvolverá durante esta semana nos 15 concellos que, en principio, farán uso da futura planta de biorresiduos de Cervo
  • A fin de instruír aos representantes locais na normativa aplicable e operativa a desenvolver, esta empresa pública levará a cabo unha xornada informativa e formativa que terá lugar o vindeiro xoves, 24 de novembro, na Casa da Cultura de Cervo, e que culminará cunha visita ás obras da planta
  • Así mesmo, impartirá sesións formativas en preto de corenta centros escolares

Cerceda, a 21 de novembro de 2022.- Da man de Sogama e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o quinto contedor, de cor marrón e concibido para recoller de forma diferenciada a materia orgánica contida nos residuos municipais, será o protagonista indiscutible da Semana Europea da Prevención de Residuos 2022 na nosa comunidade.

A conmemoración desta semana, que arrincou o pasado sábado, 19 de novembro, e culminará o próximo día 27 nos distintos países da UE, eríxese na maior campaña de sensibilización ao redor da prevención e redución da xeración de residuos no continente, aglutinando a participación de distintos colectivos sociais co obxectivo de crear conciencia en torno ao consumo responsable, a menor produción de refugallos, a reutilización e a reciclaxe.

XORNADA DIVULGATIVA EN CERVO

Baixo o lema “O Marrón, o contedor que devolve vida”, as accións contempladas na campaña promovida por Sogama e a Consellería orientaranse específicamente aos quince concellos que, a priori, utilizarán os servizos da planta de biorresiduos de Cervo, isto é, Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, ademais de Mañón e Cervo. Non obstante, algunhas das accións estenderanse a outros dez municipios próximos para que coñezan con detalle os pormenores deste novo contedor que o próximo ano atoparán moitos cidadáns nas súas rúas.

E co fin de instruír aos representantes locais na normativa aplicable e operativa a levar a cabo, Sogama promove unha xornada informativa e formativa que terá lugar o vindeiro xoves, 24 de novembro, na Casa da Cultura de Cervo.

Un portavoz do Departamento Autonómico será o encargado de explicar as obrigas legais dos concellos respecto da valorización da materia orgánica, mentres que un técnico de Sogama expoñerá o modus operandi da instalación e tecnoloxía coa que se dotará á mesma para que leve a cabo o seu labor de forma eficiente.

O encontro, que estará presidido pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez-Castellanos, contará tamén coa presenza do presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares.

Así mesmo, o programa contempla a intervención de representantes dos concellos de Carballo e A Laracha, ambos os dous pertencentes á provincia da Coruña, e que xa teñen instaurado o contedor marrón, para que compartan cos asistentes os seus coñecementos, bagaxe, experiencias e estratexia. O obxectivo é que expliquen como están a facer a recollida selectiva da materia orgánica, con que frecuencia, características dos camións utilizados, tipo de contedores situados nas rúas e como canalizaron as distintas accións a nivel administrativo, entre outras cuestións.

A xornada, que dará comezo ás 10:30 horas, culminará cunha visita dos asistentes ás obras da futura planta de biorresiduos que se está construíndo no polígono industrial de Cervo.

SESIÓNS FORMATIVAS EN PRETO DE 40 CENTROS EDUCATIVOS

De forma complementaria, durante esta semana tamén se impartirán sesións formativas en preto de corenta centros escolares de primaria e secundaria dos quince concellos que se atopan na área de influencia desta instalación. A pretensión é explicar a alumnos e docentes que implicará a chegada do contedor marrón ás súas localidades, como terán que realizar a selección dos residuos orgánicos, que deben -e non deben- depositar no contedor marrón, e que tratamento recibirán estes refugallos na planta de biorresiduos de Cervo. Ademais, tendo en conta o alto poder de influencia que pequenos e mozos teñen nos seus fogares, garántese a transmisión de coñecementos e, sobre todo, a sensibilización ao redor da necesidade de colaborar activamente no sistema de recollida selectiva para incrementar a reciclaxe e, polo tanto, o aforro, tanto desde a dimensión ambiental como económica.

Así mesmo, estas sesións serán aproveitadas para incidir no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e lembrar os materiais a depositar en cada un dos contedores de recollida selectiva para propiciar o seu posterior reciclado.

A PLANTA DE BIORRESIDUOS DE CERVO: ESTRATÉXICA

Cun investimento de 6,4 M€, a planta de biorresiduos de Cervo ocupará uns 8.000 m2 e disporá de capacidade para tratar 3.000 toneladas de materia orgánica anuais, ás que habería que sumar 1.600 toneladas de material estructurante, é dicir podas e restos de madeira. Producirá case 1.500 toneladas de compost, que se destinará aos sectores da agricultura e xardinería como fertilizante natural.

Estará alimentada por enerxías renovables e equipada tamén con novos e innovadores sistemas de depuración de augas e de aire, así como de control do nivel de ruído, garantindo con isto unha operativa respectuosa coa contorna.

Aínda que a xestión dos residuos é unha competencia municipal, a Xunta apoia aos concellos para que cumpran coas obrigacións legais establecidas na materia. Con tal fin deseñou unha rede de infraestruturas conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos, unha en cada provincia —Cerceda (A Coruña), xa en funcionamento, Vilanova de Arousa (Pontevedra), Verín (Ourense) e Cervo (Lugo)—, apoiadas por 13 plantas de transferencia que contarán cun punto de transvasamento independente para a fracción orgánica (FORSU).

Para articular e poñer en marcha esta rede, estímase un investimento superior aos 40 millóns de euros, dos cales 30 millóns proceden dos Fondos FEDER como parte da resposta da Unión Europea á crise da COVID-19.

Saúdos, Departamento de Comunicación

21 Nov 2022

Galería