Idiomas

O cartón pode reciclarse alomenos 25 veces

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Así o asegura un estudo independente realizado pola Universidade Tecnolóxica de Graz (Austria)
  • O estudo volve a destacar a vital contribución do cartón á economía circular e a función que pode desempeñar á hora de mellorar as credenciais de sustentabilidade das empresas e marcas
  • A taxa actual de reciclaxe dos envases de papel e cartón en Europa é de aproximadamente o 84,2 % e a industria papeleira europea fixouse como obxectivo unha taxa de reciclaxe do 90 % para o 2030

Cerceda, a 20 de xaneiro de 2022.- Segundo un estudo independente realizado en 2021 pola Universidade Tecnolóxica de Graz (Austria), o material de envasado a base de fibra –papel, cartolina, cartón e caixas pregables– pode reciclarse máis de 25 veces sen apenas perda de integridade. A investigación reciclou repetidamente cartón pregable para entender que efecto, se o houbese, tería sobre as propiedades mecánicas do material, incluídas a súa forza innata e a súa resistencia aos impactos.

Winfried  Muehling, director xeral de Prol  Carton, a Asociación Europea de Fabricantes de Cartón e Envases de Cartón, sinalou ao respecto que: «Os achados poñen fin ao frecuente mito de que os envases de fibra só poden reciclarse entre catro e sete veces antes de perder a súa integridade. Destaca que as fibras de papel e cartón son moito máis resistentes do que se consideraba ata o de agora».

O estudo da Universidade austríaca volve a destacar a vital contribución do cartón á economía circular e a función que pode desempeñar á hora de mellorar as credenciais de sustentabilidade das empresas e marcas.

A taxa actual de reciclaxe dos envases de papel e cartón en Europa é de aproximadamente o 84,2 % e a industria papeleira europea fixouse como obxectivo unha taxa de reciclaxe do 90 % para o 2030. O cartón tamén é biodegradable, un proceso comunmente coñecido como «reciclaxe orgánica».

O informe da universidade tamén destaca os beneficios ecolóxicos do aumento do número de ciclos de reciclaxe. «Canto máis a miúdo se poida reciclar un mesmo envase, máis positivo será o seu impacto no  medio ambiente», afirma o estudo.

Fonte: Boletín Repacar

Imaxe: Pexels

20 Xan 2022

Galería