Idiomas

O CEIP San Xoán de Filgueira apoia a reciclaxe cunha magnífica representación teatral que leva por título "O Mago de Compoz"

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Trátase de toda unha lección de boas prácticas na correcta separación dos residuos en orixe para facilitar o seu máximo aproveitamento.

•A obra, protagonizada por alumnos de 5º de Primaria e dous profesores, narra a historia dunha nena, Dorothy, que viaxa a un mundo de fantasía no que se fai amiga do home de papel, do home de plástico e do home orgánico, aos que unha malvada meiga engana para que se introduzan nos contedores equivocados. A situación é salvada polo Mago de Compoz, que lles insta a colocarse nos recipientes axeitados, facendo posible que recuperen a inspiración. Conségueo grazas aos poderes dos tres erres e o poder de Sogama.

•Pode ser visualizada na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=9TDm4k62vK4.

•A preocupación deste centro polo medio ambiente e, máis concretamente pola reciclaxe, vén de outrora. Xa no curso académico 2011-2012, participou na primeira experiencia piloto de illas de reciclaxe escolares promovida por Sogama, e no 2013-2014, fíxoo no programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia. O seu proxecto: “Aforramos ou afogamos”.

Cerceda, a 29 de xaneiro de 2015.- Facendo gala da súa gran sensibilidade ambiental e o seu incansable traballo na protección da contorna, o CEIP San Xoán de Filgueira, pertencente ao municipio de Ferrol, levou ao teatro a súa preocupación pola reciclaxe, e representouna a través da obra “O Mago de Compoz”, protagonizada por alumnos de 5º de Primaria (Alicia, Nora, Alejandro e Pablo) e os profesores Tolín e Tere. Toda unha lección didáctica do que debe ser a correcta segregación de residuos en orixe para facilitar o seu máximo aproveitamento, converténdoos en novos produtos de utilidade.

O HOME DE PAPEL, O DE PLÁSTICO E O ORGÁNICO

Todo comeza cando un bo día, unha nena, Dorothy, le un conto sobre un novo mundo no que cada separación de refugallos celébrase cunha gran festa. É o mundo de Compoz, no que se adentra unha vez cae rendida nos brazos de Morfeo. Perdida, decide seguir un carreiro no que se atopa co home de papel, que se mostra aburrido porque é branco e desexa ser máis orixinal. A protagonista invítao a acompañala no seu camiño, onde aparece o home de plástico, que está chorando porque quere montar estruturas bonitas, pero non lle saen. É invitado a unirse ao pequeno grupo. Acto seguido tropezan co home orgánico, preso da rabia porque tamén quere facer cousas bonitas, pero só consegue “chorradas”. Tamén se suma á viaxe.

A MEIGA URBACERIA E O MAGO DE COMPOZ

No traxecto, os catro amigos visualizan un castelo no que deciden entrar. No seu interior habita a meiga Urbaceria, que os interroga. Os tres homes aseguran que lles falta inspiración para levar a cabo o seu cometido. A meiga realiza un feitizo sobre unha pócima e obrígalles a bebela. E por encantamento, todos recuperan a inspiración. O home de papel di que a atopará no contedor verde, o de plástico, no azul, e o orgánico, no amarelo. A meiga regocíxase no engano e exclama: “Cada un tira o lixo onde quere!”. E nese momento dáse conta de que, ademais dos tres homes, había unha cuarta persoa, a protagonista, que estaba desaparecida. Atopouna e capturouna. Pero aquí entra en escena o “Mago de Compoz”, que consegue espantala, salvando a Dorothy. O Mago dáse conta de que o home de papel, o de plástico e o orgánico están en contedores erróneos, decidindo abordar o seu rescate. Dilles que, para que recuperen a súa inspiración e que esta flúa dos pés á cabeza, é necesario que se coloquen nos recipientes axeitados, é dicir, o home de papel, no de cor azul, o de plástico, no amarelo, e o de orgánico, no verde.

Os tres comezan a experimentar boas sensacións, comprobando como a inspiración percorre o seu corpo. Nese preciso instante, regresa a escena Urbaceria, pero o Mago de Compoz consegue espantala empregando os poderes dos tres erres e o poder de Sogama.

Non só solventa a situación, senón que logra que a bondade se apropie da meiga e que Dorothy regrese ao seu mundo.

Para visualizar o vídeo da obra, https://www.youtube.com/watch?v=9TDm4k62vK4.

BAGAXE EDUCATIVA EN RECICLAXE

O CEIP San Xoán de Filgueira xa participou na primeira experiencia piloto de “Illas de Reciclaxe” escolares promovida pola Sociedade Galega do Medio Ambiente durante o curso académico 2012-2013, e posteriormente adheriuse ao programa “Recíclate con Sogama” 2013-20, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, co proxecto “Aforramos ou a fogamos”.

Saúdos, Departamento de Comunicación

29 Xan 2015

Galería