SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

O Comité de Empresa das contratistas do Complexo Medioambiental e máis Sogama chegan a un acordo para levar a cabo a valorización enerxética dos rexeitamentos da planta Sigre

Print this pagePrint this pagePrint this page

Logo de que o Comité de Empresa fixese público o seu apoio, tal e como solicitara a dirección da Empresa, lógrase preservar os 32 postos de traballo que acolle a planta de clasificación de envases de medicamentos Sigre, situada no polígono industrial de Cerceda, sometendo a un axeitado tratamento, e conforme á normativa vixente, a fracción de rexeitamentos procedente da mesma.

Mentres que o Departamento de Prevención desta Sociedade pública efectuará un seguimento exhaustivo das condicións nas que se desenvolverá este labor, garantindo en todo momento a seguridade e saúde dos traballadores, a Área Técnica encargarase agora de definir a mellor forma de xestionar estes materiais co fin de evitar avarías e posibles atoamentos nas caldeiras da Planta Termoeléctrica.

Estímase que o Complexo Medioambiental procese ao redor de 1.700 toneladas anuais de rexeitamentos de medicamentos, cantidade que vén a representar o 0,21% do total de residuos urbanos que Sogama recibe nas súas instalacións.

Cerceda, a 19 de novembro de 2009. - Finalmente, e tras semanas de negociacións, o Comité de Empresa das compañías contratistas do Complexo Medioambiental de Sogama accedeu a que esta Sociedade pública leve a cabo a valorización enerxética da fracción de rexeitamentos procedentes da planta de clasificación Sigre, xestionada por Danigal, e onde se recepcionan os envases e restos de medicamentos fóra de uso procedentes das boticas de primeiros auxilios domiciliarias e que a cidadanía deposita nos puntos específicos situados nas oficinas de Farmacia de toda España. Nesta instalación, pioneira en Europa, procédese á selección dos materiais susceptibles de ser reciclados (papel/cartón, vidro, plástico, etc), enviando a xestores autorizados os catalogados como citotóxicos e citostáticos.

No marco da Autorización Ambiental Integrada (AAI), concedida a Sogama o 30 de abril de 2008, e unha vez recibido, con data 29 de xullo do ano en curso, o ditame da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no que se especificaba que, dadas as súas características, os rexeitamentos da planta Sigre tiñan a consideración de asimilables a urbanos, Sogama puxo en marcha as probas pertinentes para proceder ao seu tratamento final conforme á normativa vixente.

As reticencias iniciais mostradas polos traballadores do Complexo deixaron en "stand by" o proceso de valorización enerxética, que se retomará en breve tras recibir unha comunicación do Comité de Empresa no que amosa a súa disposición a que a entidade leve a cabo este proceso, nos mesmos termos que os previstos inicialmente. Tal e como confirmou no seu momento a Inspección de Traballo e Seguridade Social, e posteriormente validaron os técnicos do ISSGA, o labor a desenvolver non carrexa problemas para a saúde dos operarios, toda vez que estes non teñen contacto directo cos residuos. Non obstante, ademais do equipamento habitual co que contan, optouse pola conveniencia de que, a maiores, dispoñan de luvas especiais, que só serán necesarias no caso de atoamentos en caldeira que requiran de intervención manual.

Con este acordo dáse cumprimento a un dobre obxectivo: por un lado, e o máis importante, que é o de preservar os postos de traballo das 32 persoas (na súa maioría veciños e veciñas do Concello de Cerceda) que prestan servizos na planta Sigre e, por outro, someter a un tratamento axeitado, e conforme á lexislación en vigor, a fracción de rexeitamentos de residuos de medicamentos, logo dos problemas que o seu tratamento incorrecto ocasionou no pasado.

O Departamento Técnico de Sogama encargarase agora de definir a dosificación e proporcións axeitadas de material a procesar nas caldeiras da Planta Termoeléctrica, evitando con isto calquera desaxuste, atoamento ou avaría técnica. Pola súa banda, a Área de Prevención efectuará un seguimento exhaustivo das condicións de seguridade e saúde nas que se desenvolverá a actividade, garantindo en todo momento as axeitadas condicións de traballo dos operarios.

As cantidades a xestionar son moi pequenas, situándose ao redor das 1.700 toneladas anuais, o que representa o 0,21% do total de RU que Sogama recibe nas súas instalacións.

A actual Dirección da Sociedade Galega do Medio Ambiente celebra que o Comité colabore neste asunto coa  empresa pública, o goberno local e a propia veciñanza do municipio cercedense, temerosos de que os traballadores de Sigre estivesen abocados ao desemprego e cun futuro incerto no actual escenario de crise económica.

A partir deste momento, a entidade espera e desexa a máxima colaboración do conxunto da plantilla na solución dun problema arrastrado dende hai xa tempo, evitando desencontros e complicacións que poidan contribuír a reactivalo.

Saúdos, Departamento de Comunicación

 

19 Nov 2009

Galería