- Trala súa adhesión ao programa liderado por Sogama, recibiu desta empresa pública medio cento de composteiros, así como material didáctico de apoio.
- A pretensión do ente local é impulsar a recuperación da materia orgánica en orixe para convertela nun abono de alta calidade, ao tempo que aforra custos.
Cerceda, a 5 de abril de 2021.- Seguindo o ronsel doutros municipios da zona, o Concello de Val do Dubra (A Coruña) decidiu sumarse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, propiciando a autoxestión da materia orgánica en 50 vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo.
Con tal fin recibiu da empresa pública outros tantos composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que servirán de apoio aos participantes para elaborar o seu propio compost e aplicalo nos seus xardíns, hortas e terras de cultivo, pechando así o ciclo de recuperación dos restos orgánicos en orixe.
Se ben esta práctica forma parte da tradición do rural, o composteiro permite ao usuario levala a cabo dunha forma máis moderna, cómoda, hixiénica e eficiente. A isto engádense outras vantaxes tales como as propiamente ambientais e económicas.
Dado que a materia orgánica representa o 42% da composición media dunha bolsa tipo, se se recicla nos propios fogares, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, diminuíndo desta forma a frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, polo tanto, as emisións de CO2, así como os custos inherentes á xestión e tratamento do lixo xenérico.
Ademais dos recipientes, Sogama proporcionou ao ente local manuais didácticos para que sexan entregados ás familias participantes, dispoñendo desta forma dun recurso no que se recolle toda a información sobre a operativa a seguir, dando resposta ás preguntas e dúbidas máis frecuentes.
Con este programa preténdese poñer en valor a materia orgánica a través da súa transformación nun abono de alta calidade que actúa como nutriente para o solo, fortalecéndoo e mesmo defendéndoo fronte a enfermidades e pragas.
O seguimento desta iniciativa será asumido polo Concello, que se encargará de analizar o desenvolvemento da mesma e tomar nota de posibles limitacións e grao de satisfacción dos veciños.
Os interesados teñen á súa disposición unha páxina web específica www.compostaconsogama.gal , na que poden atopar recursos didácticos e divulgativos complementarios cos que perfeccionar a técnica e coñecer todas as bondades da compostaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación