Idiomas

O Mercado da Estrela, no que colabora Sogama, despide o Nadal en Ourense

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Emprazarase, hoxe e mañá, no Auditorio municipal da cidade das Burgas, facilitando desta forma que os que así o desexen poidan realizar as súas compras de Reis, dando preferencia aos produtos galegos.

•Sogama, como unha das promotoras do evento, estará presente co xogo xigante da reciclaxe, así como con diversos obradoiros de reutilización dirixidos aos máis pequenos.

•A presenza desta entidade pública enmárcase na campaña educativa “Separemos ben, reciclaremos mellor”, que impulsa xunto coa Consellería de Medio Ambiente, contando co apoio de Ecoembes e os Sistemas Integrados de Xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP).

Cerceda, a 3 de enerode 2014.- O periplo do Mercado da Estrela chega ao seu fin e faino no Auditorio municipal da cidade de Ourense, onde estará hoxe e mañá (de 11:00 a 21:00 horas) para despedir o Nadal e dar a oportunidade á cidadanía de realizar as súas compras de Reis mediante a adquisición de artigos galegos. Con isto preténdese enxalzar o noso e divulgar os produtos made in Galicia como unha forma de recoñecer o traballo e a arte dos nosos creadores. Así, os visitantes poderán facerse con distintos presentes que van desde zapatos e bolsos ata bisutería, cerámica, artesanía e alimentación.

Ademais, para facilitar a estancia das familias, cóntase cunha carpa específica de restauración na que terán á súa disposición diferentes ofertas para almorzar, comer, merendar e cear. E para os máis pequenos resérvase un espazo lúdico no que, a través de determinados obradoiros, entre eles o de Sogama, poderán divertirse e adquirir coñecementos sobre determinadas temáticas, incluída a ecolóxica.

A campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor” súmase a esta cita co xogo xigante da reciclaxe, unha iniciativa na que os nenos poderán perfeccionar a súa bagaxe na materia e, máis específicamente, as súas nocións sobre o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), poñendo a proba o nivel de acerto á hora de separar os residuos e depositalos no contedor correspondente, xesto imprescindible para posibilitar a reciclaxe e, polo tanto, a transformación dos refugallos en novos produtos de utilidade.

Monitores especializados son os encargados de dirixir e coordinar as distintas actividades, e, por suposto, de dar as explicacións oportunas sobre as tarefas e responsabilidades que a cidadanía debe asumir para que o lixo reciba unha xestión sostible conforme ás súas características e particularidades.

Tamén subministrarán enquisas e solicitarán as opinións dos visitantes acerca do actual sistema de xestión do lixo, así como as propostas e comentarios para a súa mellora.

“Separemos ben, reciclaremos mellor” é unha iniciativa educativa impulsada por Sogama e a Consellería de Medio Ambiente que conta co apoio de Ecoembes e os Sistemas Integrados de Xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP).

Saúdos, Departamento de Comunicación

3 Xan 2014

Galería