


•O evento, que terá lugar do 16 ao 18 de xullo, contará coas diferentes achegas de expertos na materia, pretendendo con isTo impulsar un diálogo interdisciplinario entre territorio e paisaxe.
•Se ben estará aberto a todo tipo de público, resulta de especial interese para os universitarios e profesores, tanto das ramas humanísticas como das técnico-científicas.
•A intervención do máximo responsable de Sogama, Luís Lamas, terá lugar o último día, con carácter previo ao acto de clausura, e farao para falar do firme compromiso da entidade que preside co medio ambiente e coa paisaxe galega.
Cerceda, a 19 de xuño de 2014.- O presidente de Sogama, Luís Lamas, foi invitado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) a participar no curso de verán que, do 16 ao 18 de xullo, levarase a cabo no concello lucense de Guitiriz.
Baixo o título “Territorio e Paisaxe”, os seus promotores, os docentes universitarios Roxelio Pérez Moreira e Javier López González, pretenden impulsar un diálogo interdisciplinario entre territorio e paisaxe, concibindo o primeiro como a realidade física, material e obxectiva, cun dominio práctico e utilitario, e, o segundo, como a percepción sensitiva, emocional e subxectiva que se vincula a un dominio estético e cultural.
Aínda que aberto a todo tipo de público en xeral, o evento resulta de especial interese para a formación do alumnado universitario, así como do profesorado, tanto das ramas humanísticas como das técnico-científicas.
PROSPECCIÓN, PROXECCIÓN E PROPOSICIÓN
Cada xornada circunscribirase a un concepto diferente. Así, o 16 de xullo cobrará protagonismo a “Prospección”, contando coas achegas de Rosa Calvo de Anta, Catedrática de Edafoloxía e Química Agrícola (O solo e a paisaxe); Augusto Pérez Alberti, Catedrático de Xeografía Física (A paisaxe na ordenación territorial);Javier López González, Profesor de Enxeñaría Agroforestal (Caracterización e vinculación coa paisaxe dos espazos rurais galegos); e Roxelio Pérez Moreira, Profesor de Territorio e Paisaxe (Equilibrio agroambiental na tradicional paisaxe agroforestal).
Xa o día 17, todas as miradas centraranse na “Proxección” a través de Patricia Fernández Martínez, Economista e Directora de “Consultores de Medio Ambiente e Desenvolvemento” (Lecturas a diferente escala do territorio de Galicia); Paco Castelo Rodríguez, Doutor en Xeografía e exxefe do Servizo de Paisaxe da Xunta de Galicia (Claves interpretativas da paisaxe litoral); Xosé Manuel Rosales Noves e Rocío Romar Roel como implicados no “Proxecto Terra” do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (Paisaxe e construción do territorio); Juan Mario Crecente Maseda, Doutor Arquitecto, especialista en Turismo e Patrimonio (Planificación do Territorio, Turismo e Paisaxe), e Francisco Sineiro García, Profesor de Economía Aplicada (Análise económica dos cambios no territorio).
A última xornada, a celebrar o día 18, indagará na “Proposición”, contando neste caso coa intervención de Luís Lamas, presidente de Sogama (Un compromiso co medio ambiente e coa paisaxe galega); María López Sández, Profesora de Didáctica da Lingua e a Literatura (Paisaxes literarias e percepción do territorio); e Eduardo Zurita da Veiga, Artista e Profesor de Expresión Plástica na Enxeñaría (Emoción, vivencia e expresión plástica da paisaxe).
A última hora, os asistentes poderán gozar dunha ruta polo concello de Guitiriz “Pedra e Auga”.
Así mesmo, ao finalizar as dúas primeiras xornadas contémplanse proxeccións audiouvisuales. É o caso de “Apego á Terra” e “Amar a Mar”.
Saúdos, Departamento de Comunicación