Idiomas

O programa de compostaxe doméstica de Sogama esténdese a máis de medio milleiro de vivendas dos concellos que conforman a Mancomunidade da Mariña lucense

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Coa incorporación destas, na actualidade serán preto de 3.000 as familias galegas que elaborarán compost coa axuda e o asesoramento da Sociedade Galega do Medio Ambiente.

•O programa instaurarase nos concellos de Burela, Foz, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Riotorto, O Valadouro e O Vicedo, amplificándose en Alfoz, Barreiros, Cervo, Trabada, Lourenzá, Ribadeo e Xove.

•Sogama asume a dotación de composteiros e material didáctico e divulgativo de apoio, así como a formación dos representantes municipais e análise científica do abono resultante, tarefa que se encargará á Universidade de Santiago de Compostela para que verifique se este cumpre cos requisitos de calidade esixidos pola normativa vixente.

•A empresa tamén dotou á Mancomunidade con 750 lotes de bolsas de recollida selectiva para fomentar e facer máis cómoda a selección de residuos en orixe, promovendo o correcto depósito dos mesmos nos contedores axeitados.

Cerceda, a 10 de marzo de 2014.- Se no ano 2010, momento no que Sogama iniciaba o seu programa de compostaxe doméstica, eran 200 as vivendas de cinco concellos da Mariña lucense (Alfoz, Barreiros, Cervo, Trabada e Lourenzá) que se ofrecían para instauralo de forma experimental e comprobar os seus beneficios para o medio ambiente e a economía, agora, e tralo éxito alcanzado, os 15 concellos que integran a Mancomunidade decidiron estender a iniciativa a máis de medio milleiro de fogares. O programa ampliarase en Ribadeo e Xove, así como nos cinco concellos anteriormente referenciados, e implantarase en Burela, Foz, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Riotorto, O Valadouro e OuVicedo.

Para isto, o proxecto contempla a dotación de composteiros de 360 litros de capacidade a cargo de Sogama, así como a formación dos representantes municipais, os cales se encargarán de realizar un seguimento do traballo desenvolvido polos usuarios a través de visitas periódicas casa por casa, comprobando con isto a execución da técnica, resolvendo dúbidas e corrixindo erros.

Precisamente este curso de formación estase a levar a cabo esta mesma mañá no Centro Sociocultural de Alfoz.

Ademais, Sogama editou unha serie de manuais de autocompostaxe que serán de gran utilidade para os veciños participantes, servíndolles de guía e punto de referencia no seu labor.

FOMENTO DA RECOLLIDA SELECTIVA

A empresa tamén cedeu á Mancomunidade 750 lotes de bolsas reutilizables de recollida selectiva con capacidade para 20 litros cada unha, estando conformado cada lote por unha amarela, para os envases lixeiros (envases de plástico, latas e briks); unha azul, para os de cartón e papel; e unha verde, para os envases de vidro, facendo con isto máis cómoda a segregación de residuos en orixe e facilitando o depósito das distintas fraccións nos contedores axeitados.

O obxectivo da entidade é incrementar as porcentaxes de reciclado en Galicia, e non só polos beneficios medioambientais que isto implica, senón polos ingresos que os entes locais recibirán por parte dos Sistemas Integrados de Xestión.

TODO VANTAXES

As vantaxes da compostaxe doméstica son, a día de hoxe, incuestionables.

Desde a perspectiva ambiental, porque posibilita que o 40 por cento da materia orgánica xerada nos fogares se recicle in situ, evitando o seu depósito nos contedores verdes convencionais, o que fai posible que a frecuencia de recollida se vexa reducida, do mesmo xeito que as emisións de CO2.

Desde a económica, porque ao diminuír as cantidades de lixo remitidas ás instalacións de Cerceda, minórase o importe da factura que os concellos deben pagar a esta Sociedade.

E desde a dimensión social, porque se minimizan os desprazamentos dos veciños do rural aos contedores, polo xeral distanciados das vivendas debido á alta dispersión da poboación.

Coa incorporación da Mancomunidade da Mariña lucense, preto de 3.000 familias de toda Galicia fabricarán nas súas propias casas, e coa axuda de Sogama, un abono natural a partir dos restos orgánicos, que utilizarán como substituto dos tradicionais fertilizantes químicos, previo análise, desde o punto de vista científico, pola Universidade de Santiago de Compostela a fin de corroborar que cumpre con todos os requisitos de calidade para ser utilizado con garantías na agricultura e de acordo coa normativa vixente.

Saúdos, Departamento de Comunicación

10 Mar 2014

Galería