Idiomas

Os centros escolares de Monforte de Lemos interésanse na campaña da reciclaxe promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama

Print this pagePrint this pagePrint this page

•A aula móbil desta iniciativa, atendida por monitores ambientais, xa circulou no seu momento polo concello, informando e formando á veciñanza na correcta xestión dos residuos urbanos.

•Agora tócalle a quenda aos escolares, que serán obxecto de actividades concretas enmarcadas nesta campaña e coas que se pretende que colaboren no sistema: reducindo a produción de lixo, aproveitando ao máximo os produtos mediante a reutilización e separando correctamente os residuos por tipoloxías para propiciar o seu posterior reciclado.

•“Separemos ben, reciclaremos mellor” é unha actuación educativa impulsada pola Xunta de Galicia e Sogama, que conta coa colaboración de Ecoembes e os Sistemas Integrados de Xestión de Pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP).

Cerceda, a 25 de febreiro de 2014.- No marco da campaña educativa “Separemos ben, reciclaremos mellor”, e despois de que a aula móbil da mesma circulase polo concello de Monforte de Lemos (Lugo), os centros escolares da localidade manifestaron o seu interese en acoller as actividades didácticas incluídas nesta iniciativa.

Así, o IES A Pinguela recibirá mañá a visita de monitores especializados, que se encargarán de trasladar aos alumnos os xestos e comportamentos que é necesario poñer en práctica para que a xestión sostible dos residuos urbanos sexa unha realidade. O 21 de marzo os educadores trasladaranse ao CEIP de Monforte e o 28 ao CEIP A Gándara.

As actuacións escolares adaptaranse aos distintos niveis educativos, seguindo en todos os casos o mesmo esquema de traballo: diagnóstico previo de coñecementos, explicacións complementarias e resolución de dúbidas, que estarán apoiadas por distinto material divulgativo (presentacións en powerpoint, vídeos e xogos), concluíndo coa avaliación do apreso.

O obxectivo último é que, máis aló de lograr que mozos e pequenos colaboren no sistema, sexan capaces igualmente de levar a cabo unha tarefa educativa e de concienciación no seu contorno familiar e social, constituíndo un exemplo a seguir.

Os educadores insistirán na estratexia comunitaria dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que, aínda que poida resultar coñecida, non é materializada por moitos no seu día a día como un hábito máis. De aí que se enxalce a importancia de producir menos refugallos a través dun consumo responsable (planificar as compras e facer unha lista do estritamente necesario, por exemplo), de reutilizar ao máximo os produtos ata esgotar a súa vida útil e de colaborar na correcta separación dos desperdicios, depositándoos nos distintos contedores a disposición dos cidadáns.

E aquí deteranse especialmente en identificar os materiais a introducir en cada recipiente, recordando que o amarelo acolle unicamente os envases e envoltorios de plástico, as latas e os briks (nunca plásticos que non sexan envases); que o azul destínase a albergar os envases de cartón e papel; que no iglú verde faise provisión de botellas, frascos e tarros de vidro, sen os tapóns; que as pilas introdúcense nos contedores específicos, que poden atoparse nas Casas Consistoriais, colexios, asociacións e establecementos comerciais; e que no contedor verde convencional deposítase a fracción resto.

Tamén se abordarán as bondades da compostaxe doméstica e forma de materializala nas vivendas. Non en van, o concello de Monforte recibiu fai un ano, das mans de Sogama, 30 composteiros para repartir entre outras tantas vivendas a fin de que estas procederan a reciclar a materia orgánica en orixe, obtendo con isto un abono natural con excelentes propiedades para o solo e que os usuarios están a utilizar en substitución dos fertilizantes artificiais.

“Separemos ben, reciclaremos mellor” é un programa de sensibilización ambiental promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama, ao que se teñen adscrito máis de 180 concellos, contando coa colaboración de Ecoembes e os Sistemas Integrados de Xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP).

Saúdos, Departamento de Comunicación

25 Feb 2014

Galería