Idiomas

“Os concellos pagan pola xestión do residuo que vai na bolsa negra, pero reciben ingresos polo que depositan na amarela"

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Así se pronunciou o presidente de Sogama, Luís Lamas, ante os micrófonos de Onda Cero Galicia, nunha entrevista que xirou en torno á maior eficiencia do complexo industrial de Cerceda nos últimos tres anos e a diminución da entrada de residuos no vertedoiro de Areosa nun 50 por cento.

•Clarificou que isto foi posible grazas ao plan de acción promovido no seu momento pola Dirección da empresa e no que poderían destacarse a mellora dos procesos produtivos e a menor duración da parada técnica anual do complexo.

•Respecto ao incremento da recuperación de envases lixeiros en máis dun 21 por cento, xustificouno en boa medida grazas ao maior rendemento da planta de clasificación, pero non tanto á colaboración cidadá, que mellorou en tan só un 2 por cento.

•De aí que apelara á necesidade de sensibilizar á poboación, utilizando con tal fin campañas específicas de concienciación. E como exemplo puxo a de “Separemos ben, reciclaremos mellor”, que se encontra percorrendo a nosa comunidade, prevendo visitar máis de 180 concellos que no seu momento manifestaron interese nesta.

Cerceda, a 17 de marzo de 2014.- O presidente de Sogama, Luís Lamas, confirmou ante os micrófonos de Onda Cero Galicia que o complexo industrial da Sociedade incrementou nos últimos tres anos a súa eficiencia, e ademais o fixo nun 19 por cento, circunstancia que posibilitou que os residuos urbanos desviados ao vertedoiro de Areosa se viran reducidos en preto dun 50 por cento.

Tal e como explicou, “no noso caso ser máis eficientes significou que conseguimos procesar máis residuos no complexo medioambiental, reducindo as cantidades de lixo xestionadas en vertedoiro”. E isto foi posible grazas ao plan de acción promovido no seu momento pola Dirección da empresa, no que poderían destacarse a mellora dos procesos de produción e a menor duración da parada técnica anual do complexo, circunstancia que permitiu tratar maior cantidade de refugallos no mesmo e, polo tanto, vender máis enerxía, “unha cuestión que non resulta menor nos tempos que corren”.

A RECICLAXE, OBXECTO DE MELLORA

Respecto ao incremento da recuperación de envases lixeiros en máis dun 21 por cento, o máximo responsable da Sociedade Galega do Medio Ambiente clarificou que este logro se debeu fundamentalmente ao maior rendemento da planta de clasificación e non tanto á colaboración da poboación, só mellorada nun 2 por cento. Entende que os cidadáns temos que separar “máis e mellor”, ao que engadiu unha reflexión “que só entren nas instalacións de Sogama 21.000 toneladas de bolsa amarela ao ano, significa que aínda queda moito por facer”.

Neste sentido, referiuse ás necesarias actividades de concienciación social na materia que,de forma constante e permanente, veñen poñendo en marcha Sogama e a Consellería de Medio Ambiente co obxectivo de incrementar as taxas de reciclado en Galicia e alcanzar os obxectivos contemplados no plan autonómico de xestión de residuos urbanos 2010-2020: triplicar os niveis de reutilización e reciclaxe, pasando do 12 por cento actual ao 30 por cento.

E como exemplo puxo a campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor”, que se encontra circulando por toda Galicia, prevendo visitar máis de 180 concellos que no seu momento manifestaron interese na mesma.

Un aula móbil atendida por educadores especializados intenta captar a atención dos veciños a pé de rúa para informalos e asesoralos sobre a xestión sostible dos residuos urbanos, pero tamén para resolver as súas dúbidas e tomar boa nota dos seus comentarios e apreciacións. Así mesmo, impártense charlas e deseñan actuacións específicas orientadas a centros escolares e asociacións. “O importante aquí é a didáctica, é dicir, dar a coñecer as vantaxes económicas e medioambientais da separación dos refugallos en orixe, tendo en conta que, dende o punto de vista económico, os concellos pagan pola xestión e o tratamento do residuo que vai na bolsa negra e reciben ingresos polo que depositan na amarela, contribuíndo, dende a dimensión medioambiental, ao aforro de enerxía, recursos naturais e materias primas”. Neste contexto, está convencido de que “aos entes locais interésalles reciclar”.

Saúdos, Departamento de Comunicación

17 Mar 2014

Galería