- Un técnico de Sogama desprazarase esta tarde ao Edificio Multiusos da localidade para impartir dous cursos de formación dirixidos a unha parte das 200 familias adscritas a esta iniciativa.
Cerceda, a 29 de marzo de 2021.- Un técnico de Sogama regresará ao Concello de Coristanco (A Coruña) para impartir novas sesións formativas na autoxestión dos residuos orgánicos producidos nos fogares.
Do mesmo xeito que en anteriores ocasións, impartiranse no Edificio Multiusos en dúas convocatorias: 19:00 horas e 19:45 horas.
O obxectivo é explicar aos asistentes os pasos a seguir para elaborar un compost doméstico de calidade. Para isto prestarase especial atención á colocación do recipiente, que debe situarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida e en contacto directo coa terra. Así mesmo, concretarase a relación de materiais que poden e non poden ser depositados no mesmo, e insistirase na axeitada mestura entre restos secos e húmidos para que o conxunto garde o equilibrio necesario.
Así mesmo, explicarase a importancia que ten o control de parámetros que resultan claves para lograr uns bos resultados; é o caso do osíxeno, a temperatura e a humidade.
A xornada aproveitarase para despexar as dúbidas trasladadas polos participantes nesta iniciativa e tomar boa nota dos seus comentarios e observacións.
Cabe lembrar que Sogama entregou ao Concello de Coristanco, e de forma gratuíta, un total de 200 composteiros con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil, así como manuais didácticos de apoio, pudendo complementar os seus coñecementos no sitio web www.compostaconsogama.gal.
Saúdos, Departamento de Comunicación