


•Utilizando como soporte un aula móbil, un tráiler ou unha carpa informativa, educadores ambientais instruirán a veciños, turistas e visitantes destes municipios pontevedreses na correcta xestión dos residuos urbanos.
•Os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) constituirán o punto de partida e cimento das explicacións proporcionadas, posibilitando con isto que os cidadáns participen activamente no sistema e contribúan a avanzar cara a un modelo de desenvolvemento definido pola economía circular.
•Liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, esta campaña, con cobertura a nivel autonómico, conta coa colaboración de Ecoembes e Sogama.
Cerceda, a 1 de setembro de 2017.- A campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” continúa o seu itinerario pola comunidade e chegará en próximas datas a varias localidades da provincia de Pontevedra. É o caso de Pazos de Borbén, Poio, A Estrada, Ponteareas, Pontevedra e O Porriño.
PLANNING
DATA LOCALIDADE DISPOSITIVO EMPRAZAMENTO HORARIO
Día 3 Pazos de Borbén Carpa informativa Moscoso De 15:30 a 19:00
Día 4 Poio Aula móbil Combarro De 15:00 a 19:00
Día 6 A Estrada Aula móbil Zona de feira (Alameda municipal) De 10:30 a 14:00
Día 15 Pontevedra Street Marketing-Tráiler Tramo final Benito Corbal-Praza da Ferreiría (tramo peatonal Peregrina) De 11:00 a 21:00
Día 16 Pontevedra Street Marketing-Tráiler Tramo final Benito Corbal-Praza da Ferreiría (tramo peatonal Peregrina) De 11:00 a 21:00
Día 17 Pontevedra Street Marketing-Tráiler Tramo final Benito Corbal-Praza dá Ferreiría (tramo peatonal Peregrina) De 11:00 a 21:00
Día 22 O Porriño Aula móbil Pendente Pendente
Axudados por soportes divulgativos (carpa informativa, aula móbil ou tráiler), os educadores ambientais ao servizo desta iniciativa intentarán captar a atención de veciños, turistas e visitantes para explicarlles as vantaxes ambientais, económicas e sociais que supón cooperar de forma decidida na xestión sostible dos residuos municipais.
Desta forma, e tras analizar conxuntamente a problemática que trae consigo a elevada produción de lixo, os cidadáns recibirán instrucións sobre como minimizar os negativos efectos deste fenómeno e como colaborar no sistema a través da estratexia dos tres erres: consumindo de forma responsable e reducindo a xeración de refugallos; impulsando a reutilización dos produtos ata esgotar a súa vida útil; e segregando os residuos por tipoloxías a fin de depositar cada fracción no contedor correspondente como xesto indispensable co que garantir o seu posterior reciclado.
CARA A ECONOMÍA CIRCULAR
Neste sentido, e tendo en conta a confusión existente en torno ao contedor de destino de determinados materiais, os monitores deteranse en explicar e clarificar os residuos que deben e non deben ser depositados en cada recipiente, insistindo sobre todo no contedor amarelo, sobre o que existe unha maior confusión e que unicamente debe albergar latas, briks e envases de plástico (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios). Pola súa banda, tamén recordarán que o azul acolle os envases de cartón e papel, que o iglú verde fai provisión dos envases de vidro, que hai un recipiente específico para pilas e que o verde convencional resérvase unicamente para a fracción resto.
Todos os que se acheguen aos puntos informativos e formativos serán obsequiados con diverso material divulgativo e de merchandising e, se así o desexan, poderán participar en enquisas de coñecementos e satisfacción para avaliar a bagaxe da que dispoñen en relación á correcta xestión e tratamento dos residuos e a opinión que lles merece o modelo imperante na nosa comunidade.
Impulsada e liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a campaña Oportunidades, que conta coa colaboración de Ecoembes e Sogama, ten como fin último incrementar as taxas de reciclado en Galicia, contribuíndo desta forma a asentar as bases que permitan á nosa comunidade avanzar cara á economía circular e posibilitar desta forma que os residuos se convertan en recursos.
Máis información en www.oportunidadesparareciclar.gal.
Saúdos, Departamento de Comunicación