Idiomas

A perda ou desperdicio dos alimentos supón o 38% do uso total de enerxía no sistema alimentario

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • A ONU destaca este dato no marco da terceira edición do Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos.
  • A nivel global, preto do 14 % dos alimentos producidos pérdense entre a colleita e a venda minorista, e o 17% desperdíciase (11% nos fogares, 5% nos servizos de comidas e 2% no comercio polo miúdo).

Cerceda, a 29 de setembro de 2022.- Baixo o lema “Polas persoas, polo planeta”, hoxe celébrase a terceira edición do Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos, unha efeméride coa que se pretende axitar a conciencia dos cidadáns e lograr a súa colaboración para poñer fin á perda e desperdicio de alimentos e, ao mesmo tempo, fomentar a seguridade alimentaria e unha nutrición axeitada.

Nun mundo con cada vez máis poboación, o desafío non debe ser como producir máis alimentos, senón como reducir a súa perda e desperdicio  de maneira sostible, e como lograr sistemas alimentarios con capacidade de resiliencia.

A nivel global, preto do 14 % dos alimentos producidos pérdense entre a colleita e a venda minorista, desperdiciándose tamén cantidades significativas na venda polo miúdo e a nivel de consumo. A isto súmase o feito de que aproximadamente o 17 % da produción total de alimentos desperdíciase (11 % nos fogares, 5 % nos servizos de comidas e 2 % no comercio polo miúdo), coa particularidade de que os alimentos que se perden e desperdician representan o 38 % do uso total de enerxía no sistema alimentario mundial.

Cando se perden ou desperdician alimentos, todos os recursos que se utilizaron para a súa produción -como a auga, a terra, a enerxía, a man de obra e o capital- desaprovéitanse. Ademais, a súa eliminación en vertedoiros xera emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), o que contribúe ao cambio climático.

A perda e o desperdicio de alimentos tamén poden ter repercusións negativas na seguridade alimentaria e contribuír a aumentar o custo da alimentación.

É por isto que se fai necesario adoptar medidas a escala mundial e local para aproveitar ao máximo os alimentos que producimos. Co fin de introducir este cambio transformador é fundamental incorporar tecnoloxías, solucións innovadoras (en particular plataformas de comercio electrónico para a comercialización e sistemas de elaboración de alimentos replegables e móbiles), novas formas de traballar e boas prácticas con miras a xestionar a calidade dos alimentos e reducir a súa perda e desperdicio.

A xornada de hoxe brinda unha oportunidade para facer un chamamento á acción por parte das entidades públicas e privadas, o sistema alimentario e os consumidores,  e convidalos a que traballen xuntos co obxectivo de reducir a perda e o desperdicio de alimentos para mellorar o uso eficiente dos recursos naturais, mitigar o cambio climático e apoiar a seguridade alimentaria e a nutrición.

Fonte: ONU

Imaxe: Pixabay

29 Set 2022

Galería