Idiomas

“A planta de recuperación de vidro de Areosa é a primeira das súas características en España"

Print this pagePrint this pagePrint this page

•O presidente de Sogama, Luís Lamas, explicou na Cadea Cope Galicia o proceso de recuperación do vidro desde que chega ao complexo medioambiental de Cerceda mesturado co lixo convencional ata que é reciclado.

•Expuxo que é a primeira vez que a empresa pública leva a cabo unha iniciativa destas características, toda vez que desde a posta en marcha da súa infraestrutura industrial, no ano 2002, o vidro, xunto con outros inertes, víñase amoreando nun depósito controlado.

•A firma Daorje Medioambiente foi a adxudicataria, mediante concurso público, da separación deste material na súa planta de Areosa, desde onde se transporta ás súas instalacións de Verín para ser segregado por cores e remitido ás vidreiras.

•A contribución á reciclaxe do vidro reportará a Sogama uns beneficios económicos anuais de ao redor de medio millón de euros.

•A isto habería que engadir que a planta de Daorje permitiu a creación de 8 postos de traballo, unha cuestión que, para Lamas, “non é menor” tendo en conta o actual contexto de crise.

Cerceda, a 13 de febreiro de 2014.- O presidente de Sogama, Luís Lamas, manifestou ante os micrófonos da Cadea Cope Galicia, o proceso de recuperación do vidro contido no lixo convencional que chega diariamente ao complexo medioambiental de Cerceda e que, polo tanto, non foi seleccionado previamente pola cidadanía e depositado no iglú verde correspondente.

Desde que se puxo en marcha esta infraestrutura central, é a primeira vez que a empresa pública acomete unha iniciativa destas características. Para isto sacou un concurso público, do que resultou adxudicataria a firma Daorje Medioambiente, que se encargou de levantar unha planta de recuperación de vidro no lugar de Areosa (Cerceda), a onde chega o vidro procedente de Sogama. De feito, a actividade desta nova instalación, pioneira en España, permitirá incrementar nun 80 por cento o reciclado de vidro en Galicia, posicionando á nosa comunidade como a cuarta a nivel estatal con mellores taxas, logo de ocupar, no ano 2012, a praza número 12.

Lamas, que insistiu na necesidade de que a poboación deposite o vidro no lugar que lle corresponde, é dicir, no iglú verde, explicou o itinerario que segue este residuo desde o momento en que chega a Sogama mesturado co lixo xenérico ata que se recicla.

Tras ser separado no complexo industrial da Sociedade, xunto con outros restos inertes (cerámica, pedras, ladrillos, etc), transpórtase posteriormente á planta de Daorje en Areosa, onde se realiza un cribado para proceder á súa segregación e posterior lavado. Desde aí, o vidro resultante viaxa á planta que este grupo empresarial ten en Verín (Ourense), procedendo á súa clasificación por cores e posterior envío ás vidreiras.

Desde o ano 2002, o vidro contido na bolsa negra víñase amoreando por Sogama nun depósito de inertes sen darlle utilidade. Tal e como manifestou o seu máximo responsable “agora poñémolo en valor, cos conseguintes beneficios ambientais e económicos”. Así mesmo, recordou que este labor reportaralle á entidade uns ingresos de ao redor de medio millón de euros anuais.

Recoñeceu que malia que o vidro constitúe a fracción que máis se recicla, xerando poucas dúbidas para a cidadanía, o certo é que aínda se desvían moitas cantidades cara a bolsa negra. De feito, Sogama aportará á instalación de Daorje da orde de 30.000-40.000 toneladas anuais, entre as que se inclúe a evacuación progresiva do acumulado en vertedoiro.

Tamén deu conta dos oito postos de traballo que a actividade da planta xerou, unha cuestión que, ao seu xuízo, e máis no actual contexto de crise económica, “non é unha cuestión menor”.

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Feb 2014

Galería