Idiomas

A reciclaxe intérnase nas aulas de Pantón

Print this pagePrint this pagePrint this page

•“Separemos ben, reciclaremos mellor”, a campaña de concienciación social que promove a Consellería de Medio Ambiente e Sogama, viaxa de novo a esta localidade lucense para instruír aos pequenos nas boas prácticas ambientais coas que avanzar cara a unha xestión máis sostible do lixo.

•Para isto, educadores ambientais formarán aos pequenos para que, ademais de participar no sistema, leven a cabo unha tarefa pedagóxica no seu eido familiar.

Cerceda, a 13 de febreiro de 2014.- A campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor”, que promove a Consellería de Medio Ambiente e Sogama coa colaboración de Ecoembes e os Sistemas Integrados de Xestión de Pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP), fai escala na localidade lucense de Pantón para visitar aos seus escolares e ensinarlles as boas prácticas vinculadas a unha xestión máis sostible dos residuos urbanos.

Profesionais da educación ambiental desprazaranse ao colexio “Monte Baliño” para formar aos alumnos na materia e convencelos de que a súa achega é moi importante de cara a incrementar as porcentaxes de reciclado na súa localidade; un logro que non só traerá beneficios medioambientais a nivel de aforro de enerxía e materias primas, senón tamén económicos para as arcas locais.

As exposicións xirarán fundamentalmente en torno ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), comunicando aos pequenos os trucos para producir menos refugallos, para reutilizar ao máximo os produtos e para participar na recollida selectiva. Neste sentido, recordarán que o contedor amarelo debe albergar os envases de plástico, as latas e os briks; que o azul destínase a acoller os envases de cartón e papel; que o iglú verde resérvase para os de vidro; e que o contedor verde convencional constitúe o recipiente no que introducir a parte non reciclable.

Non obstante, e dado que Pantón será un dos concellos que en próximas datas se incorporará de facto ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, os pequenos tamén recibirán asesoramento ao respecto.

E é que a reciclaxe da materia orgánica no rural constitúe unha boa forma de reducir os residuos en orixe e transformalos nun abono natural con magníficas propiedades para o solo, substituíndo aos fertilizantes artificiais. De aí que as vivendas que finalmente participen no programa deban ser unifamiliares e conten con horta ou xardín no que empregar o compost resultante. Isto fará posible que o lixo a transportar aos contedores convencionais se vexa minorado en gran medida, unha diminución que se trasladará igualmente ao importe da factura que o concello debe pagar a Sogama pola xestión e tratamento da fracción coñecida como bolsa negra.

As explicacións dos monitores complementaranse coa entrega de diverso material didáctico, divulgativo e de merchandising co que reforzar os coñecementos adquiridos e axudar aos escolares a que tamén leven a cabo unha tarefa educativa nos seus fogares, propiciando que todos os que conforman a unidade familiar participen activamente no sistema, garantindo así un maior benestar e calidade de vida.

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Feb 2014

Galería