Idiomas

“As reclamacións xudiciais aos concellos que non pagan a Sogama forman parte do modus operandi da empresa desde sempre"

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Así se pronunciou o presidente de Sogama, Luís Lamas, nunha entrevista concedida a Radio Voz, manifestando a súa sorpresa ante o aparente estupor que as súas palabras causaron en determinados alcaldes ao asegurar que a Sociedade emprendería accións legais contra os concellos morosos, algo que veu facendo desde o inicio da súa actividade. E como exemplo puxo o concello de Pontevedra, con sentenza positiva para a empresa pública.

•Admite as protestas dos rexedores no contexto político, pero non no xurídico, porque “se un recibe un servizo e non o paga, o razoable é levalo ao xulgado”.

•Neste sentido, recordou que a recollida e tratamento dos residuos urbanos é unha competencia municipal que 296 concellos teñen delegada en Sogama, debendo estes afrontar os custos que carrexa o servizo prestado pola entidade pública.

•A modo de exemplo, anunciou que a suba do canon suporá para o concello de Vigo, segundo palabras do seu alcalde, un impacto sobre a cidadanía de 9 euros por inmoble e ano. En Burela, será de 6 euros.

•Ademais, entende que deberían explicarse as diferenzas na taxa de lixo aplicada polas grandes cidades: 117 euros en Pontevedra fronte aos 85 -90 euros de Lugo, Ourense e Santiago.

Cerceda, a 2 de xaneiro de 2014.- Nunha entrevista concedida ao programa “Voces de Galicia” de Radio Voz, o presidente de Sogama, Luís Lamas, evidenciou a súa sorpresa ante o aparente estupor que causaron as súas palabras entre determinados alcaldes ao fío dunhas declaracións efectuadas recentemente aos medios de comunicación ao asegurar que a Sociedade emprendería accións legais contra aqueles entes locais que decidiran non pagar o canon. “É algo que forma parte do modus operandi da empresa e que desde sempre se fixo para reclamar os pagos, pois se un recibe un servizo e non o paga, o razoable é levalo ao xulgado”. E como exemplo puxo ao concello de Pontevedra, que tras 12 anos de litixios, unha sentenza condenouno a facer efectiva a débeda mantida con Sogama. Outro dos casos é o da Mancomunidade do Morrazo, formada polos concellos pontevedreses de Bueu, Cangas e Moaña, tamén cunha débeda histórica.

“É INADMISIBLE QUE UN CONCELLO RECIBA UN SERVIZO E QUE NON PAGUE POR EL”

Admite as protestas dos rexedores no contexto político, considerando, neste sentido, que se trata dunha batalla lícita e lexítima; agora ben, o que entende como inadmisible é que un ente local reciba un servizo e que non pague por el, “porque cando un veciño non paga o IBI, o concello o que fai é recorrer á vía executiva”.

Apuntou que non debe esquecerse que a recollida e tratamento dos residuos urbanos é unha competencia municipal que 296 concellos teñen delegada en Sogama, decidindo o resto poñer en marcha o seu propio sistema. É o caso dos que integran a Mancomunidade do Barbanza, coa planta de Lousame, ou a cidade da Coruña e área metropolitana, coa de Nostián, ambas con problemas. Pola súa banda, recordou que o Morrazo montou no seu momento unha instalación con diñeiro europeo para fabricar compost que nunca chegou a poñerse en marcha.

“É evidente que Sogama, para levar a cabo o seu cometido, ten que soportar unha serie de custos aos que deben contribuír os que fan uso do seu servizo”. Agora ben, considera que unha cousa é o ámbito político e outra moi diferente o xurídico.“Porque desde fai anos, sobre todo cando nos aproximamos a períodos electorais, moitos concellos veñen dicindo que estudan alternativas ao sistema impulsado pola Xunta de Galicia, sen embargo, a día de hoxe non teñen ningunha proposta”, asegurou, entendendo que “os entes locais teñen que tomar decisións con independencia da proximidade do proceso electoral correspondente”.

A suba do canon de Sogama suporá para o concello de Vigo, segundo palabras do seu alcalde, un impacto sobre a cidadanía de 9 euros por inmoble e ano. En Burela, por poñer un exemplo, será de 6 euros.

“HAI QUE EXPLICAR AS DIFERENZAS NA TAXA DE LIXO APLICADA NAS GRANDES CIDADES”

Neste escenario, considera que tamén habería que analizar as grandes diferenzas nas taxas que a poboación paga polo servizo de recollida e tratamento de lixo. Desvelou que Pontevedra conta coa máis alta de Galicia (117 euros por inmoble e ano), “e iso malia que non viña pagando o canon único establecido por Sogama en 2004”, mentres que a de Lugo, Ourense e Santiago oscilan entre os 85 e os 90 euros. “Alguén terá que explicar a que se deben estas diferenzas. Porque esta taxa non pode ser deficitaria, pero tampouco excedentaria”, argumentou.

“O novo canon entrará en vigor o próximo 1 de marzo. “A Fegamp propuxera aprazalo para o 1 de xullo, chegando para isto a un acordo coa Xunta de Galicia, pero, dous días despois, o PSOE decidiu rompelo, polo que a entrada en vigor adiántase tres meses”, concluiu.

Saúdos, Departamento de Comunicación

2 Xan 2014

Galería