SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Red Genera abre o proceso de selección para as empresas da Eurorrexión interesadas en participar nos diagnósticos ambientais

Print this pagePrint this pagePrint this page

As pemes candidatas, emprazadas en todo caso na Comunidade Autónoma de Galicia e Norte de Portugal, deben pertencer aos sectores da construción, naval-mecánica, alimentación e téxtil-confección-calzado.

As empresas contarán co asesoramento de expertos en residuos (R-Agents), quenes se encargarán de realizar un diagnóstico medioambiental das mesmas no ámbito da xestión dos residuos producidos, propoñendo plans de acción máis sostibles e que, en todo caso, velarán pola consecución de maiores cotas de competitividade.

O prazo para a presentación de candidaturas finaliza o 30 de xullo de 2010, e as bases da convocatoria atópanse recollidas no DOG de onte, 18 de febreiro, así como nas páxinas web dos socios do proxecto vinculados directamente a esta actividade.

O principal obxectivo do Proxecto Red Genera, que conta coa participación de Sogama, é o de fortalecer a xestión dos residuos industriais, tanto dende a dimensión ambiental como económica e social.

Cerceda, a 19 de febreiro de 2010. - O Proxecto de cooperación tranfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, e que baixo o acrónimo Red Genera ten por obxecto fortalecer a xestión dos residuos industriais co fin de facela máis sostible, convoca o proceso de selección de empresas xeradoras de residuos industriais non perigosos e interesadas en participar nos diagnósticos ambientais.

Liderado polo Consello Galego de Cámaras, contando coa colaboración das Cámaras de Comercio de Ourense, Vigo, Tui e Pontevedra, Sogama, a Asociación Aiminho, o Centro de Valorización de Residuos (CVR) e Idite-Minho, o programa aposta decididamente pola prevención na produción de lixo, a reutilización de materiais para outros procesos, o reciclado e a valorización, tendo en conta ademais as oportunidades de emprego, riqueza e aforro de custos que traería consigo a axeitada xestión dos residuos industriais na Eurorrexión.

Faise necesario que as pemes (incluíndo microempresas e autónomos) que opten a esta convocatoria pertenzan aos sectores da construción, metal-mecánica, alimentación e téxtil-confección-calzado, e que apoien, a través das súas actividades, os obxectivos do Red Genera. Como contraprestación recibirán propostas e plans de acción para unha mellor xestión dos residuos xerados nos seus procesos produtivos, e que se realizarán por diversos expertos en residuos (R-Agents homologados), baseándose nos correspondentes diagnósticos ambientais.

As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de solicitude a partir do día de onte, 18 de febreiro de 2010, data na que esta convocatoria foi publicada no DOG, así como nas páxinas web e taboleiros de anuncios dos socios do programa vinculados de forma específica a esta actuación (http://www.redgenera.org/; http://www.camarasdegalicia.com/; http://www.camaratui.com/; http://www.camaraourense.com/; http://www.aiminho.pt/; http://www.camaravigo.com/; http://www.camarapontevedra.com/) .

A participación das empresas seleccionadas, que en todo caso estarán emprazadas na Comunidade Autónoma de Galicia e Norte de Portugal, efectuarase a partir da sinatura dun convenio co socio correspondente. O prazo para a presentación de candidaturas finaliza o 30 de xullo de 2010 (ás 14:00 horas)

DINÁMICA DO DIAGNÓSTICO AMBIENTAL

A pretensión é que expertos en residuos (R-Agents) realicen un estudo que permita coñecer o esquema e situación da xestión dos residuos nas empresas participantes, tanto a nivel ambiental e social, como económico e de mercados. Tras analizar as posibilidades de mellora, elaborarán unhas liñas de recomendación a poñer en práctica pola peme interesada,  contribuíndo a dinamizar a innovación empresarial, propoñendo solucións ás problemáticas detectadas e velando igualmente pola consecución de maiores cotas de competitividade.

Co fin de garantir o axeitado desenvolvemento desta iniciativa, as empresas colaborarán en todo momento a que as fases do proxecto discurran pola canle prevista, involucrándose de forma activa nas actividades a executar e dando resposta ás distintas demandas formuladas en cada momento.

O proxecto Red Genera está cofinanciado nun 75 por cento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER, dentro do Programa de Cooperación transfronteiriza España-Portugal (POCTEP 2007-2013), e permanecerá en vigor ata decembro do ano en curso.

Saúdos, Departamento de Comunicación

19 Feb 2010

Galería