Idiomas

A Sociedade Galega do Medio Ambiente posibilitou a reciclaxe de preto de 95.000 toneladas de residuos de envases no período 2009-2013

Print this pagePrint this pagePrint this page

•A empresa vén contribuíndo desta forma ao aforro de enerxía e materias primas, así como á redución das emisións de CO2.

•Entre os envases recuperados pola compañía atópanse o aceiro e aluminio contidos no lixo en masa, materiais aos que este ano suma, por primeira vez na súa historia, o aceiro residual e o vidro.

•Respecto dos envases lixeiros procedentes da recollida selectiva do contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks), a compañía incrementou a clasificación dos mesmos en máis dun 50,56 por cento.

Cerceda, a 17 de marzo de 2014.- Dende o ano 2009 e ata o 2013, a Sociedade Galega do Medio Ambiente remitiu aos centros recicladores 94.569,85 toneladas de residuos de envases, contribuíndo desta forma ao aforro de enerxía e materias primas, así como á redución de emisións de CO2 á atmosfera.

Entre os envases recuperados contémplanse os contidos no lixo en masa (bolsa negra) e depositados erróneamente pola cidadanía no contedor verde convencional. É o caso dos envases de aceiro e aluminio, que representan, no primeiro caso, un total de 40.819,85 toneladas, e, no segundo, de 1.561,63 toneladas. Para a clasificación destes materiais, a empresa sérvese de mecanismos tales como electroimáns e correntes de Foucault.

Non obstante, e máis alá do aceiro e o aluminio, a Sociedade incorporou recentemente á súa operativa industrial a selección do aceiro residual, é dicir, aquel que, dadas as súas características, composición (mestura con outros desperdicios) e tamaño, non logra ser captado polos sistemas electromagnéticos habilitados na planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible (PRTE).

Tamén por primeira vez na súa historia, a entidade recupera os envases de vidro mesturados co residuo xenérico, contribuíndo a incrementar, nun 80 por cento, a reciclaxe deste material en Galicia.

De feito, recentemente púxose en marcha, por parte da firma Daorje Medioambiente, unha planta pioneira en España para a selección do vidro procedente do complexo medioambiental de Sogama, estimado en ao redor de 14.000 toneladas anuais, ás que habería que engadir as aproximadamente 170.000 que se atopan amoreadas no depósito de residuos non perigosos deste recinto industrial.

Unha vez cribado, o material transpórtase á planta de clasificación que Daorje ten na localidade ourensá de Verín, onde se somete a un novo proceso de depuración, trasladándose desde alí ás vidreiras, que o reincorporan ao circuíto comercial.

Respecto á denominada bolsa amarela (materiais depositados pola poboación nos contedores amarelos de recollida selectiva), a Sociedade recupera na súa planta de clasificación os envases de plástico, as latas e os briks contidos nesta fracción, utilizando para isto, ademais dos tradicionais electroimáns, correntes de Foucault e campás aspiradoras, uns novidosos lectores ópticos.

Unha vez seleccionados, os materiais son prensados e embalados por tipoloxías, e de forma independente, para a súa remisión á industria recicladora.

No período de cinco anos, Sogama procesou un total de 52.188,37 toneladas de envases lixeiros, pasando das 8.719,76 toneladas xestionadas no ano 2009 a 13.128,06 no 2013, o que supón un incremento do 50,56 por cento.

Saúdos, Departamento de Comunicación

17 Mar 2014

Galería