Idiomas

Sogama adxudica a construción da planta de biorresiduos de Verín por preto de 6,7 M€

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Localizarase no polígono industrial de Pazos e ocupará unha parcela de case 12.000 m2, que Sogama adquiriu por máis de 500.000 euros
  • A planta terá capacidade para tratar 3.000 t/ano de materia orgánica e 1.600 t de material estruturante, e estímase que produza 1.500 toneladas anuais de compost
  • A previsión é que dea servizo a 22 municipios, que aglutinan unha poboación de máis de 48.000 habitantes
  • Esta instalación integrarase na rede de infraestruturas deseñada pola Xunta para que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama teñan acceso á valorización da materia orgánica

Cerceda, a 9 de xaneiro de 2022.- A Xunta de Galicia, a través de Sogama, adxudicou, á empresa Sociedade Anónima de Obras e Servizos COPASA, a construción e posta en marcha dunha planta de biorresiduos en Verín (Ourense) por importe de 6.685.442,21 euros.

A instalación, que se localizará no polígono industrial de Pazos, ocupará unha parcela de case 12.000  m2, pola que Sogama desembolsou máis de 500.000 euros. Terá capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica e 1.600 toneladas de material estruturante, e estímase que produza 1.500 toneladas/ano de compost, un abono de alta calidade que se aplicará no sector da agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.

O proceso de compostaxe desenvolverase integramente nesta planta (pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento), que estará equipada coas tecnoloxías máis innovadoras en depuración de augas e aire, así como en redución do nivel de ruídos, garantindo con isto unha operativa respectuosa coa contorna máis inmediata. Así mesmo, estará alimentada con fontes renovables, sendo autosuficiente desde o punto de vista enerxético.

MARCO DE ACTUACIÓN

A previsión é que dea servizo a 22 concellos, que aglutinan unha poboación superior a 48.000 habitantes, e intergrarase na rede de infraestruturas promovida e deseñada pola Xunta de Galicia a fin de que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama accedan á valorización da materia orgánica a través da compostaxe.

Neste sentido, cabe lembrar que os entes locais teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar o contedor marrón e recoller a través do mesmo, e de forma diferenciada, esta fracción de residuos. Se ben se trata dunha competencia municipal, a Xunta decidiu no seu momento axudalos a dar debido cumprimento ás súas obrigas legais, poñendo á súa disposición os medios necesarios.

Esta rede estará conformada por 4 plantas de  biorresiduos: Cerceda (A Coruña) –xa en funcionamento-, Cervo (Lugo), de similares características á de Verín, e  Vilanova de Arousa (Pontevedra) – Verín e Vilanova tamén acaban de ser adxudicadas-, así como por 13 plantas de transferencia ás que se dotará dunha  tolva específica para o transvasamento dos residuos orgánicos, posibilitando que a práctica totalidade dos municipios dispoñan dunha planta de  biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.

Para todo isto estímase un investimento de 38,6 millóns de euros, dos cales 30 millóns proceden dos Fondos FEDER como resposta da UE á crise orixinada pola Covid-19.

A planta de biorresiduos de Verín entrará en funcionamento a finais deste ano 2022.

Saúdos, Departamento de Comunicación

9 Xan 2022

Galería