Idiomas

Sogama colaborará co Concello de Ordes para dotar de recursos ao centro social ´Isabel Zendal´

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O alcalde e o presidente executivo desta empresa pública, formalizaron un convenio a fin de que o centro referenciado conte con medios suficientes e apropiadas para atender as necesidades dos seus usuarios.
  • O rexedor lembrou a figura da súa compatriota Isabel Zendal, “todo un exemplo de valentía, fortaleza, dedicación, coraxe e solidariedade”, cualidades que, ao seu xuízo, “impregnan o ADN dos ordenses”.
  • Pola súa banda, o máximo responsable de Sogama subliñou o firme compromiso desta compañía coa súa contorna, especialmente con aquelas iniciativas orientadas á mellora do medio ambiente e da calidade de vida dos cidadáns.

Ordes, a 18 de xaneiro de 2022.- O Concello de Ordes e Sogama formalizaron un convenio mediante o cal a empresa pública colaborará na dotación de recursos materiais e mobiliario para o centro sociocomunitario “Isabel Zendal”, que presta servizos de asistencia a distintos colectivos tales como nenos, adolescentes, mozos e maiores.

Trátase de ferramentas de apoio coas que se pretende atender, da mellor forma posible e coas máximas garantías, a persoas que, por diversas circunstancias, viron mermadas as súas facultades físicas e/ou cognitivas, procurando en todo momento o seu benestar e plena integración.

Neste marco, Sogama achegará 12.000 euros a unha causa social exemplar, onde a plena igualdade cobra todo o seu sentido e faino nun centro de referencia bautizado precisamente co nome de “Isabel Zendal”, esa enfermeira ordense que hai máis de dous séculos participou, de forma  estoica, na expedición que levaría a vacina da viruela a América, erixíndose en “todo un exemplo de valentía,  fortaleza, dedicación, coraxe e solidariedade”; vualidades que, a xuízo do rexedor, José Luis Martínez Sanjurjo, “impregnan o ADN dos ordenses”. Así o manifestou no transcurso do acto de firma do acordo co presidente da Sociedade  Galega  do Medio Ambiente, Javier Domínguez Lino.

ORDES SOSTIBLE

Como empresa ambiental punteira en Galicia, e encargada da xestión e o tratamento dos residuos urbanos producidos por 295 concellos galegos (máis de 2.240.000 habitantes), Domínguez subliñou que esta non pode permanecer allea a aquelas iniciativas que emerxen na súa contorna coa finalidade de preservar a riqueza natural da comarca, potenciar o crecemento económico, crear emprego e, por suposto, mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

Abundou en que, se ben a infraestrutura central da compañía está situada na localidade de Cerceda, “Ordes é un municipio veciño moi querido co que tecemos estreitos lazos de amizade e entendemento, coa particularidade de que é o concello no que naceron e viven moitas persoas que traballan en Sogama”.

Neste sentido, Domínguez Lino salientou que, aínda que as partes (Concello e empresa) viñeron formalizando sucesivos convenios orientados a distintas accións ambientais, o certo é que, nesta ocasión, síntese “especialmente satisfeito por apoiar unha actuación que pon o foco nos máis vulnerables”.

Así mesmo, eloxiou o traballo desenvolvido polo ente local que preside Martínez Sanjurjo, ao que felicitou polo seu labor e o liderado de proxectos e programas orientados en todo momento cara á sustentabilidade, conseguindo manter un equilibrio entre a protección do medio ambiente, o progreso económico e a cohesión social.

Saúdos, Departamento de Comunicación

18 Xan 2022

Galería