Idiomas

Sogama e Coge3 intensificarán os labores de educación en materia de medio ambiente

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Levarán a cabo actuacións concretas en centros escolares da costa galega.

•Se ben o lixo mariño, e máis concretamente os microplásticos, constituirá o epicentro das temáticas a abordar, prestarase especial atención á xestión sostible dos residuos urbanos a través do principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

•O programa a desenvolver en cada colexio iniciarase cunha serie de charlas, seguidas de xornadas de limpeza de praias, carreiros e ríos, concluíndo as actuacións cunha actividade deportiva na que se impartirán clases de stand up paddle surf, tanto para os escolares como para os seus profesores.

Cerceda, a 8 de xaneiro de 2015.- Tralo éxito da campaña desenvolvida durante o 2014, Sogama e Coge3 intensificarán os labores de educación ambiental durante este ano, levando a cabo actuacións concretas en centros escolares da costa galega.

OS PLÁSTICOS POÑEN EN PERIGO OS OCÉANOS

O lixo mariño, un dos máis graves problemas de contaminación dos nosos océanos, constituirá o epicentro das temáticas a abordar. E é que máis do 60 por cento dos residuos que “inundan” o mar e as praias son plásticos, circunstancia xa advertida no seu momento polo Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), que desvelou a existencia de 13.000 partículas plásticas por quilómetro cadrado, ben flotando, ben no fondo do mar.

Os plásticos provocan múltiples danos á biodiversidade mariña, toda vez que forman parte da alimentación dos peixes, mamíferos mariños e aves aos que provocan ata a morte por inanición, bloqueándolles o tracto dixestivo. De feito, o 75 por cento dos decesos da tortuga bobo, especie emblemática en perigo de extinción, están provocados pola inxestión de plásticos, que confunde con alimento.

Na contorna, este material non se degrada, como tampouco se transforma ou procesa, podendo permanecer no mesmo de forma permanente e inalterable durante miles de anos. A erosión vaino fragmentando en diminutas partículas que quedan suspendidas na auga, alterando a vida acuática.

O turismo costeiro, o lixo arroxado ao mar polos barcos de pesca (sedais, redes, flexes, nasas, …) e o desperdicio dos buques constitúen os grandes focos de contaminación.

A concienciación da cidadanía, e máis concretamente dos escolares, auténticos embaixadores da protección ambiental, pode contribuír en boa medida a facer fronte ao problema e sensibilizar ao resto da poboación.

“SÚBETE Á ONDA DE COGE3”

É por iso que Coge3, da man de Sogama, abordará de cheo un programa educativo “Súbete á onda de Coge3”, enmarcado á súa vez na campaña “Pequenas accións, grandes resultados”, co que pretende formar aos pequenos na correcta xestión dos residuos urbanos, sensibilizándoos en torno á protección do medio e prestando especial atención ao coidado do mar nos municipios da costa galega.

Para Coge3, iniciativa xestada na Mariña lucense, a educación ambiental é o motor do cambio, e a estratexia comunitaria dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), o seu principal instrumento.

Porque resulta evidente que, se reducimos o problema, diminuímos o seu impacto, de aí que a menor produción de residuos sexa o primeiro dos obxectivos. A reutilización ou, o que é o mesmo, o máximo aproveitamento dos produtos ata esgotar a súa vida útil, será o outro gran reto, xunto coa reciclaxe, só alcanzable se previamente houbo unha correcta separación dos refugallos en orixe e un axeitado depósito dos mesmos nos diferentes contedores habilitados pola Administración nas vías públicas, a disposición dos cidadáns para permitir a colaboración no sistema.

PROTOCOLO A SEGUIR

O programa a desenvolver nos colexios iniciarase cunha serie de charlas, acompañadas de exposicións de fotos e presentacións multimedia, seguidas de xornadas de limpeza de praias, carreiros e ríos, concluíndo cunha actividade deportiva na que o surf cobrará especial protagonismo. De feito impartiranse clases de stand up paddle surf, tanto para os escolares como para os seus profesores. Trátase dunha nova modalidade que consiste en remar sobre unha táboa de surf de gran tamaño, podendo tanto realizar paseos en mar plena como surfear pequenas e grandes ondas.

Así, o programa por centro educativo circunscríbese a tres horas de duración durante as cales os destinatarios das actividades poderán aprender, sensibilizarse co coidado da contorna e, por suposto, divertirse.

Saúdos, Departamento de Comunicación

8 Xan 2015

Galería