SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Sogama licita, cun orzamento de 48 millóns de euros, a xestión da Planta de Reciclaxe, Tratamento e Elaboración de Combustible Derivado de Residuos

Print this pagePrint this pagePrint this page

Cunha capacidade de tratamento de 500.000-550.000 toneladas de residuos urbanos anuais, o prezo máximo establecido por tonelada procesada é de 23,2 euros .

O obxectivo fundamental deste contrato é o de garantir en todo momento, durante as 24 horas do día, o fluxo de alimentación de combustible derivado de residuos, en cantidade e calidade óptimas, para o correcto funcionamento das dúas caldeiras da Planta Termoeléctrica.

A relación contractual, establecida inicialmente para un prazo de 3 anos, poderá ser prorrogada ata un máximo de 4.

O prazo para a presentación de ofertas finaliza as 13:00 horas do próximo 17 de novembro.

Cerceda, a 17 de setembro de 2009. - A Sociedade Galega de Medio Ambiente saca a concurso a xestión integral da Planta de Reciclaxe, Tratamento e Elaboración de Combustible Derivado de Residuos (PRTE), situada no Complexo Medioambiental de Cerceda. Cun orzamento de 48.707.168 euros, establécese un prezo máximo por tonelada de residuos urbanos (RU) procesada de 23,2 euros. O contrato, que inclúe tanto a operación como o mantemento e limpeza da devandita instalación, rexe para un prazo de 3 anos, podendo ser prorrogado ata un máximo de 4.

Con capacidade para tratar anualmente entre 500.000 e 550.000 toneladas de residuos, esta planta acolle a primeira fase de tratamento á que se someten os RU procedentes da recollida domiciliaria da denominada "bolsa negra", formada por materiais orgánicos e non reciclables depositados pola cidadanía no contedor xenérico, e que, unha vez transportada ao Complexo de Sogama, por tren ou estrada, sofre unha separación por tamaños, desviando aos centros recicladores a parte susceptible de ser reciclada, fundamentalmente férricos e aluminio, e acondicionando un combustible derivado de residuos (CDR) co resto. Este CDR valorízase logo na Planta Termoeléctrica, onde se xera enerxía eléctrica suficiente para abastecer 100.000 fogares (unha cidade de tipo medio).

O obxectivo fundamental desta contratación é o de garantir en todo momento, durante as 24 horas do día, o fluxo de alimentación de combustible, en cantidade e calidade óptimas, para o correcto funcionamento das dúas caldeiras da Termoeléctrica. As toneladas de RU xestionadas por enriba das 500.000 garantidas recibirán unha prima de 2 euros/tonelada sobre o prezo establecido, contemplando unha penalización de 10 euros por cada tonelada procesada de menos respecto á cifra de referencia, sempre que sexa por causas imputables ao adxudicatario.

Varias son as áreas de traballo, ademais da propia PRTE, que se atopan dentro do alcance desta licitación. Tal é o caso dos vestiarios, oficinas, sala de control e nave de servizos correspondente á zona do comedor dos operarios/as, instalacións de auga, de iluminación de fitas, rúas e naves, de protección contraincendios, e de augas residuais, pluviais e rede de sumidoiros. Neste sentido, todas as tarefas de mantemento predictivo, preventivo e correctivo no conxunto dos sistemas, equipos e compoñentes serán por conta do adxudicatario, garantindo desta forma que a produción da planta, ao igual que o seu aspecto, non se vexan alterados.

Durante a parada técnica anual programada no Complexo Medioambiental, que en ningún caso poderá exceder de 1 mes, o contratista deberá proceder á revisión, reparación e/ou substitución de todos os equipamentos que se atopen baixo a súa xestión e control, de tal forma que estes queden en perfectas condicións de funcionamento para os 11 meses restantes. Así mesmo, subrogará ao persoal adscrito a esta instalación, (en torno a 136 traballadores/ás) e cuxas condicións laborais regúlanse por un convenio colectivo de centro de traballo das empresas que prestan os seus servizos no Complexo como contratistas de Sogama.

O prazo para a presentación de ofertas, que deberá realizarse na sede da Sociedade en Cerceda, finaliza ás 13:00 horas do próximo 17 de novembro. O prego pode ser descargado dende a Plataforma de Contratación da Xunta de Galicia http://www.contratosdegalicia.es/, ou ben dende a páxina web de Sogama http://www.sogama.gal/ (apartado "Perfil do Contratante").

Saúdos, Departamento de Comunicación

17 Set 2009

Galería