Idiomas

Sogama licita a venda e recuperación das escouras procedentes da súa planta termoeléctrica

Print this pagePrint this pagePrint this page

•O obxectivo é que a partir destas se poidan obter produtos valorizables e susceptibles de comercialización, evitando o seu depósito en vertedoiro.

•É por isto que o adxudicatario queda obrigado a presentar os certificados pertinentes a través dos cales se garanta a trazabilidade do material e o seu tratamento final, que en todo caso debe axustarse á lexislación vixente.

•A previsión é evacuar unha media de 6.000 toneladas mensuais de escouras, ás que habería que engadir as 400.000 acumuladas no vertedoiro de inertes do complexo medioambiental de Cerceda.

•O contrato, establecido para un período de 10 anos, ascende a 135.000 euros, dispoñendo o contratista dun prazo de 18 meses para a posta en servizo da instalación de recuperación do material.

Cerceda, a 18 de xuño de 2014.- No seu empeño por posibilitar a máxima recuperación dos refugallos procesados nas súas instalacións, a Sociedade Galega do Medio Ambiente licita a venda e recuperación das escouras procedentes da planta termoeléctrica, onde se leva a cabo a valorización enerxética do combustible derivado dos residuos non reciclables (CDR).

O contrato, que rexerá por un período de 10 anos, contempla un prezo mínimo de 0,15 euros/tonelada de escoura, ascendendo a 135.000 euros + IVE.

A decisión de Sogama enmárcase na lei 22/2011, de Residuos e Solos Contaminados, na que se promove a innovación para a prevención e correcta xestión do lixo, contribuíndo á redución da pegada ecolóxica.

E é que, se ben as aproximadamente 72.000 toneladas anuais procedentes da planta termoeléctrica se depositan actualmente nun vertedoiro de inertes, o obxectivo da Sociedade pública é que se xestionen nunha planta debidamente autorizada na que se obteña un produto valorizable e susceptible de comercialización como subproduto ou materia prima secundaria, recuperando ao mesmo tempo todos os materiais que poidan ser reutilizados de novo, como é o caso dos metais.

Nin que dicir ten que o tratamento das escouras por parte do adxudicatario debe axustarse plenamente á normativa vixente, garantindo a protección do medio ambiente e a saúde pública.
A previsión é evacuar ao redor de 6.000 toneladas mensuais de escouras, ás que habería que engadir as 400.000 acumuladas no vertedoiro de inertes do complexo medioambiental de Sogama en Cerceda.

Co fin de que as ofertas se axusten plenamente á realidade, as firmas candidatas poderán realizar visitas ás instalacións da empresa pública para a toma de mostras e proceder á análise das mesmas.

Así mesmo, e co obxectivo de garantir os principios de proximidade e autosuficiencia recollidos na normativa vixente, faise necesario que o centro xestor de escouras se emprace á menor distancia posible do punto de xeración, neste caso do complexo medioambiental de Sogama, ubicado no concello coruñés de Cerceda.

Dado que a Sociedade debe garantir que o destino do material sexa un xestor autorizado, solicitará ao adxudicatario a trazabilidade do mesmo, debendo este aportar a documentación e os certificados pertinentes (nun prazo non superior a seis meses dende a data de retirada) para acreditar o destino final.

PRAZOS E PENALIZACIÓNS

O contratista dispón dun prazo de 18 meses para a posta en servizo da instalación de recuperación de escouras. De non ser así, o prego establece unha penalización de 5.000 euros por cada mes de atraso sobre a data prevista. Transcorrido o período dun semestre, a Sociedade poderá resolver o contrato.

O incumprimento dos prazos ou tempos de resposta tamén contarán coa correspondente sanción, que será de 50 euros por día de atraso na retirada das escouras respecto da data de solicitude realizada por Sogama.

Ademais, no caso de que o certificado de trazabilidade non se presente no período establecido, aplicarase unha penalización sobre a cantidade pendente de certificar de 500 euros en relación ao importe facturado do mes en cuestión.

Saúdos, Departamento de Comunicación

18 Xuñ 2014

Galería