Idiomas

Sogama, premiada por “El Suplemento” na categoría de xestión medioambiental

Print this pagePrint this pagePrint this page

•As múltiples razóns polas que o xurado outorgou este galardón á entidade pública galega poderían sintetizarse nunha de peso: excelente xestión ambiental e empresarial.

•A compañía acadou en 2015 máximos históricos de eficiencia industrial, incrementando, en relación ao ano 2008, o tratamento de residuos no complexo medioambiental nun 27,7%, reducindo o vertido nun 55% e producindo máis enerxía, nun 29,12%.

•No seu afán de mellora continua, a empresa iniciou o proceso de ampliación das súas instalacións centrais, ao que destinará un investimento de 30 millóns de euros, co obxectivo de aumentar a capacidade do seu complexo nun mínimo do 36% e recuperar maior cantidade de envases contidos no lixo en masa, incrementando a súa achega á reciclaxe nun 30% e diminuíndo o vertido na mesma porcentaxe.

•Tamén porá en marcha, no vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa, e por un importe cercano aos 4 millóns de euros, unha planta de compostaxe, con capacidade para 15.000 toneladas anuais, na que se procesará a materia orgánica procedente de grandes produtores.

•Sogama xa foi galardoada o pasado ano co Premio Cantábrico Excelente 2015, recoñecendo a través do mesmo as bondades do seu sistema para a xestión dos refugallos urbanos, definido polo seu carácter global, integral, solidario e eficiente, ademais de respectuoso co medio ambiente e a saúde.

Cerceda, a 20 de abril de 2016.- “El Suplemento” premia a Sogama, a nivel nacional, na categoría de xestión medioambiental. O presidente da entidade pública, Javier Domínguez Lino, recollerá o galardón o próximo 6 de maio en Madrid, no marco da “V Gala Nacional de Premios El Suplemento”.

Entre as razóns polas cales o xurado desta edición outorgou o galardón a esta empresa pública, cabería destacar as seguintes:

•A adopción dun sistema de xestión ambiental sólido e eficiente.

•A implantación de iniciativas e accións para a redución do impacto ambiental.

•A súa decidida aposta pola mellora medioambiental, converténdose esta nunha das claves da súa competitividade e compromiso coa sociedade.

•O equilibrio óptimo entre desenvolvemento industrial e medioambiental, caracterizándose a súa xestión pola sostibilidade.

•O continuo traballo realizado na optimización dos seus procesos, así como nos consumos e minimización das emisións, seguindo criterios de actuación responsables.

•O desenvolvemento de proxectos a curto prazo co obxectivo de ampliar os servizos prestados á comunidade galega.

•A mellora permanente das posibilidades e oportunidades da comunidade na que está emprazada a empresa.

•A toma de decisións responsable a todos os niveis.

•A activa colaboración cos concellos, centros de formación e distintos colectivos sociais de cara a lograr unha maior concienciación ecolóxica da poboación desde a responsabilidade compartida.

•O control permanente e exhaustivo das súas infraestruturas.

•Os seus baixos niveis de emisión, situándose estes moi por baixo dos límites legais.

•O estrito cumprimento da lexislación vixente na materia.

•E, en definitiva, a excelente xestión empresarial no seu conxunto.

2015: MÁXIMOS HISTÓRICOS DE EFICIENCIA INDUSTRIAL

Neste contexto, é preciso ter en conta que a entidade acadou en 2015, grazas á súa boa xestión, máximos históricos de eficiencia industrial. E os resultados son cuantificables e medibles: incremento do tratamento de residuos no complexo medioambiental de Cerceda (A Coruña) nun 27,7%, redución do vertido nun 55% e aumento da produción de enerxía nun 29,12%.

E todo isto posibilitou que, malia os investimentos que a compañía acometerá para ampliar a súa infraestrutura, cuantificados en 35 millóns de euros, o canon que cobra aos clientes, os concellos, se manteña este ano nos mesmos termos do 2015 (67,18 euros + IVE por tonelada).

Pero, no seu afán de mellora continua, Sogama procederá agora a ampliar as súas instalacións cercedenses coa posta en marcha dunha planta para a recuperación dos envases contidos no lixo en masa, á que destinará 30 millóns de euros, e que lle permitirá aumentar a capacidade do seu complexo medioambiental nun mínimo do 36%, incrementando a súa achega á reciclaxe nun 30% e diminuíndo o vertido na mesma porcentaxe.

Tamén acometerá, por un importe próximo aos 4 millóns de euros, a construción dunha planta de compostaxe, con capacidade para 15.000 toneladas anuais, que ubicará no vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa (Cerceda), tratando na mesma a materia orgánica procedente de grandes produtores (centros comerciais, hospitais, cárceres, etc) para a súa conversión en compost.

PREMIO CANTÁBRICO EXCELENTE 2015

Sogama xa foi galardoada o pasado ano co premio Cantábrico Excelente 2015, recollido polo seu presidente, Javier Domínguez Lino, o 26 de xuño, en Oviedo, nunha gala na que se deron cita os profesionais e compañías de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco que destacaron pola súa actividade no eido empresarial, científico, industrial e comercial.

O xurado tivo en conta entón a potente infraestrutura industrial coa que conta esta empresa pública para levar a cabo o seu labor con garantías, toda vez que xestiona e trata, desde o escrupuloso cumprimento da normativa vixente, os residuos urbanos procedentes de 295 concellos galegos (o 94% do total).

Así mesmo, puxo de relevo o carácter global, integral e solidario da entidade, que vela en todo momento polo coidado da contorna e a mellora da calidade de vida dos cidadáns, á vez que enxalzou as esixentes medidas de protección medioambiental coas que conta a organización. E como exemplo puxo a adopción das mellores tecnoloxías dispoñibles, garantindo con isto que as súas emisións á atmosfera se atopen en todo momento moi por baixo dos límites legais.

EL SUPLEMENTO

A empresa promotora e organizadora destes premios “Suplementos y Monográficos, S.L”, produce e edita especiais para os principais medios de comunicación a nivel nacional. A súa filosofía é achegar aos cidadáns o bo facer das empresas e profesionais pertencentes a distintos sectores de actividade, de aí que, desde o 2012, recoñeza a través destes galardóns o importante labor que levan a cabo moitas entidades, emprendedores, científicos, artistas e deportistas.

O pasado ano, a organización puxo de relevo o esforzo dunha trintena de empresas e institucións que destacaron en ámbitos tales como a innovación, o crecemento empresarial, a creación de emprego, a internacionalización ou a repercusión mediática.

Saúdos, Departamento de Comunicación

20 Abr 2016

Galería