Idiomas

Todo un exemplo de emprendemento na agricultura ecolóxica

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Tras concluír os seus estudos no centro Fonteboa de Coristanco (A Coruña), Eloy Galán xestiona el só un invernadoiro cunha superficie de 1.600 metros cadrados no que cultiva distintos produtos de tempada.
  • Xunto con outros produtores, todos menores de 30 anos, formou a asociación ALEGA e distribúen artigos en 14 colexios e 3 garderías da provincia.
  • O seu labor, ademais do propiamente agrícola, oriéntase igualmente ao ámbito da formación e divulgación, promovendo visitas ás súas explotacións e impartindo charlas en centros escolares.
  • Tal e como asegura este mozo emprendedor, o seu obxectivo é “producir, producir e producir”, confiando en que todo o seu traballo teña unha recompensa futura e o seu proxecto agrícola chegue a ser todo un referente no sector ecolóxico.

Cerceda, a 1 de marzo de 2018.-  Eloy Galán é un dos mozos agricultores ecolóxicos que comezou a súa actividade profesional desde o emprendemento e coa ilusión de que o seu proxecto vaia crecendo á vez que o fai o seu esforzo. Formado durante catro anos no Centro de Promoción Rural de Fonteboa, en Coristanco (A Coruña), lanzouse a esta aventura co apoio dos seus profesores e mentores. Estudou un ciclo medio de Produción Agropecuaria e logo especializouse en gandeiría e asistencia en sanidade animal. Así o explicou ante os micrófonos de Radio Voz Galicia, no marco do programa educativo Ecovoz, onde valorou o seu paso pola escola coa máxima cualificación: un 10. O seu proxecto de fin de curso valeulle para adenttrarse no sector profesional, no que leva menos dun ano. Quería facer “algo real e enfocar o meu futuro”.

Os inicios, tal e como é habitual neste tipo de iniciativas, están a ser  “moi duros”. O seu total dominio da teoría tradúcese agora nunha aplicación práctica non exenta de dificultades. Xestiona el só un invernadoiro que ocupa unha superficie de 1.600 metros cadrados e no que cultiva produtos de tempada (repolo, brócoli, coliflor, acelga e espinaca, entre outros).

Cando estaba en período de prácticas coñeceu a uns produtores do municipio de Cesuras (A Coruña) que estaban traballando nun proxecto de “ecocomedores” con algunha gardería e algún centro escolar. Entre catro explotacións decidiron formar unha asociación a fin de darlle maior profesionalidade a esta iniciativa. De aí emerxeu ALEGA (Asociación de Labregos Ecolóxicos de Galicia). Confórmanna mozos menores de 30 anos que agora lograron traballar con 14 colexios e 3 garderías de distintos puntos da provincia da Coruña, aos que entregan os seus produtos con carácter quincenal ou mensual, chegando nalgúns casos ás propias familias.

LABORES DE FORMACIÓN E DIVULGACIÓN

Estanse dando a coñecer. A prensa constitúe un medio para isto, pero o máis efectivo é, a xuízo de Eloy Galán, o “boca a boca”. O seu labor, non só se circunscribe á produción, senón que levan a cabo igualmente tarefas de formación e divulgación. Antes visitaban colexios para dar a coñecer os seus artigos, pero agora son estes os que se poñen en contacto coa asociación. “Imos crecendo aos poucos”, asegura. Ademais de servir a mercancía, ofrecen ás escolas a posibilidade de visitar as súas explotacións para que poidan coñecer a forma de cultivar e tamén ofrecen charlas para que os escolares descubran a temporalidade dos produtos.

O seu obxectivo, tal e como asegura este mozo emprendedor, é “producir, producir e producir”, confiando en que todo o seu traballo teña unha recompensa no futuro e o seu proxecto agrícola chegue a ser todo un referente no sector ecolóxico.

Saúdos, Departamento de Comunicación

1 Mar 2018

Galería