- O Concello solicitou a Sogama outros tantos composteiros, así como material didáctico e divulgativo de apoio.
- Técnicos desta empresa pública impartirán no seu momento un curso de formación orientado aos participantes a fin de explicarlles a operativa a seguir e solventar posibles dúbidas.
Cerceda, a 16 de abril de 2021.- O Concello de Fene (A Coruña) formalizou a súa adhesión ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, no marco do cal distribuirá 30 composteiros entre outras tantas familias. Os recipientes, de 400 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables.
O obxectivo do ente local é avanzar na valorización da materia orgánica in situ, aplicando o principio de proximidade. Con isto evitarase que os residuos orgánicos, que representan en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, acaben no contedor verde convencional, propiciando un aforro ambiental e económico. No primeiro caso, pola posibilidade que ofrece de diminuír a frecuencia de recollida e, en consecuencia, as emisións de CO2 e, no segundo caso, por verse reducida a cantidade de refugallos a tratar por parte de Sogama no Complexo Medioambiental de Cerceda, minguando o importe da factura a pagar a esta empresa pública.
Condición indispensable é que os participantes habiten nunha vivenda unifamiliar que dispoña de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o círculo de recuperación da materia orgánica, que retorna á terra en forma de fertilizante natural, nutrindo o solo e protexéndoo incluso fronte a pragas e enfermidades.
Unha vez asignados os 30 composteiros, técnicos de Sogama impartirán un curso de formación co obxectivo de explicar os pormenores da técnica e o proceso a seguir: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra a fin de facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, así como o control de parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Esta formación será reforzada coa entrega de manuais didácticos de apoio achegados por Sogama para que os veciños poidan complementar os coñecementos neste ámbito e solventar dúbidas.
Adicionalmente, tamén teñen á súa disposición unha páxina web www.compostaconsogama.gal, na que atoparán recursos divulgativos de gran interese tales como contidos online, xogos e vídeos.
O seguimento desta iniciativa correrá a cargo do propio Concello.
Saúdos, Departamento de Comunicación