Idiomas

A Unión Europea destina ao novo Programa LIFE un investimento de máis de 116 M€

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Os proxectos cobren áreas tales como conservación e restauración da natureza, calidade da auga e xestión de residuos, adaptación ao cambio climático e mitigación do cambio climático
  • Axudarán a Europa a converterse no primeiro continente climaticamente neutro do mundo para 2050 e a implementar con éxito o Pacto Verde Europeo
  • Para o período 2021-2027, a CE aumentou o financiamento do Programa LIFE en case un 60%, ata os 5.400 M€, e incluíu o novo subprograma de transición de enerxía limpa

Cerceda, a 17 de marzo de 2023.- En días pasados, a Comisión Europea anunciou un investimento de máis de 116 millóns de euros para os Proxectos Estratéxicos do novo Programa LIFE. O financiamento axudará a oito grandes proxectos en Bélxica, Estonia, España, Italia, Polonia, Eslovaquia e Finlandia a alcanzar os seus obxectivos climáticos e ambientais, e agárdase que mobilicen importantes fondos adicionais doutras fontes de financiamento da UE, incluídos fondos agrícolas, estruturais, rexionais e de investigación, ademais de fondos nacionais e investimentos do sector privado.

Os proxectos axudarán a Europa a converterse no primeiro continente climaticamente neutro do mundo para 2050 e a implementar con éxito o Pacto Verde Europeo. Tamén apoian a Estratexia de Biodiversidade da UE para 2030, o Plan de Acción de Economía Circular, o Plan de Acción de Contaminación Cero e a Lei de Restauración da Natureza, á vez que contribúen a unha transición enerxética limpa.

ÁREAS TEMÁTICAS

Os proxectos cobren áreas tales como conservación e restauración da natureza, calidade da auga e xestión de residuos (promovendo a súa menor produción e fomentando a reciclaxe), a adaptación ao cambio climático e a mitigación do cambio climático.

Os Proxectos Estratéxicos de Natureza e os Proxectos Estratéxicos Integrados baséanse no éxito dos Proxectos Integrados (IP) de LIFE que se financiaron entre 2014 e 2020, e apoian a implementación da lexislación e as políticas ambientais e climáticas da UE, tanto a nivel rexional como multirrexional, nacional ou transnacional.

No caso dos proxectos de natureza estratéxica axudan aos países da UE a integrar os seus obxectivos de política de natureza e biodiversidade noutras políticas e instrumentos de financiamento. Os integrados estratéxicos contribúen ás estratexias nacionais, rexionais ou específicas da industria/sector de mitigación de gases de efecto invernadoiro e as follas de roteiro de economía baixa en carbono.

SOBRE O PROGRAMA LIFE

Xestionado pola Axencia Executiva Europea de Clima, Ingraestruturas e Medio Ambiente (CINEA), o programa LIFE é o instrumento de financiamento da UE para o medio ambiente e a acción climática. Leva dando vida a ideas ecolóxicas desde 1992 e, ata o de agora, cofinanciou máis de 5.500 proxectos en toda a UE e en terceiros países.

Para o período 2021-2027, a Comisión Europea aumentou o financiamento do Programa LIFE en case un 60%, ata os 5.400 millóns de euros, e incluíu o novo subprograma de transición de enerxía limpa.

Fonte: Comisión Europea

Imaxe: Pexels

17 Mar 2023

Galería