Idiomas

Volta ao cole reciclada: menos gasto e máis protección ambiental

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • A volta ao cole supón un gran quebradeiro de cabeza para os pais: organización, planificación, equipamento e moitos gastos.
  • A reutilización e a reciclaxe adquiren especial protagonismo para aforrar e, ao mesmo tempo, ser respectuosos coa contorna.

Cerceda, a 4 de setembro de 2018.- Segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), o impacto económico inicial medio por alumno  é duns 500 euros. A volta ao cole chega este mes de setembro e, con ela, os grandes gastos en libros de texto, uniformes, material escolar, transporte, etc.

Diversas entidades proporcionan unha serie de consellos para que o regreso á rutina sexa máis levadío e, sobre todo, que resulte máis sostible desde a dimensión ambiental, económica e social. Aquí van algúns:

1.- Facer unha lista do que verdadeiramente precisan os nosos fillos, esquecéndonos do que está ou non está de moda. O importante é que dispoñan do necesario para abordar o curso académico con garantías.

2.- Antes de comprar o uniforme, unha boa opción é indagar con outros pais a posibilidade de aproveitar os que poidan quedar pequenos aos seus fillos, facer uso dos descontos que ofrecen determinados establecementos ou ben recorrer a puntos de troco. Internet ofrece interesantes oportunidades neste sentido. No caso de que non quede máis remedio que adquirir un uniforme, aconséllase comprar unha talla máis grande para que poida ser rendibilizado durante alomenos un par de anos.

3.- Revisar con atención o material escolar do período anterior. Seguro que hai bolígrafos, lapis e rotuladores en bo estado. Non deben acabar no lixo ata que se teña esgotado a súa vida útil.  

4.- Respecto das libretas xa usadas, unha opción é retirar as follas limpas e confeccionar novos cadernos que os pequenos da casa poderán personalizar como desexen.

5.- Se as carpetas están algo desgastadas, un bo remedio é volver a forralas con debuxos e fotografías, obtendo outras ata máis orixinais e innovadoras.

6.- Se os estuches, un dos obxectos que máis se deterioran, non se poden reutilizar, si se poden fabricar outros de forma artesanal con algunha tea resistente que haxa na casa, cosendo os bordes e incorporando unha cremalleira metálica. Logo, só queda decoralos ao gusto.

7.- As carteiras e mochilas tamén se poden actualizar cun pouco de imaxinación sen ter que adquirir outras novas.

8.- Respecto dos libros de texto, que son o gran quebradeiro de cabeza e o maior gasto do curso, o mercado de segunda man pode ofrecer prezos competitivos e, por suposto, non deixar de buscar na nosa contorna libros que xa non necesitan outros escolares e que poden ser reutilizados sen problema.

9.- Para a merenda e o tentempié de media mañá, xa hai envoltorios ecolóxicos nos que gardar bocadillos, galletas e froitas sen ter que tirar a diario de papel de aluminio. Outra alternativa son as bolsas de papel e as fiambreiras.

10.- O transporte público é a mellor opción para levar aos teus fillos ao colexio. Se non resulta posible, unha boa alternativa é intentar compartir coche con outros pais. Hai ata centros educativos que organizan desprazamentos a pé nos que un ou máis adultos encárganse de acompañar aos nenos ao centro.

Saúdos, Departamento de Comunicación

4 Set 2018

Galería