- Estes abordan unha ampla diversidade de retos ambientais vinculados ao desenvolvemento de novos materiais, á valorización de residuos e a optimización da súa recollida, á produción e aproveitamento de enerxías renovables, e á aplicación de tecnoloxías para a certificación ambiental, a agricultura e a industria cultural
- Durante os próximos nove meses, as startups participarán nun programa orientado a acompañar o seu crecemento, reforzar a súa proposta de valor e facilitar a súa conexión co ecosistema empresarial, científico e investidor do sector ambiental
Cerceda, 3 de marzo de 2026.- A Business Factory (BF) ClimaTech, a aceleradora ambiental impulsada pola Xunta de Galicia e o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), celebrou onte, en Santiago de Compostela, o acto de benvida aos 14 proxectos, seleccionados entre preto de 70 candidaturas, que participarán na súa terceira edición.
Os proxectos elixidos abordan unha ampla diversidade de retos ambientais vinculados ao desenvolvemento de novos materiais, á valorización de residuos e a optimización da súa recollida, á produción e aproveitamento de enerxías renovables, e á aplicación de tecnoloxías para a certificación ambiental, a agricultura e a industria cultural.
Se ven a meirande parte son iniciativas galegas, o certo é que esta terceira edición conta con algunhas procedentes doutros territorios, como é o caso de Madrid e Bizkaia, e mesmo da República Dominicana, reforzando así a dimensión nacional e internacional do programa.
Durante o próximos nove meses, as startups participarán nun programa orientado a acompañar o seu crecemento, reforzar a súa proposta de valor e facilitar a súa conexión co ecosistema empresarial, científico e investidor do sector ambiental.
O programa está estruturado en tres itinerarios, deseñados para adaptarse ao grao de madurez das iniciativas: incubación, dirixido a proxectos en fases iniciais; aceleración, para startups cunha solución validada; e consolidación, orientado a empresas con capacidade de expandir mercado.
Proxectos seleccionados
No itinerario de incubación son:
- NexoInn: Desenvolvemento de catalizadores e membranas fotocatalíticas para obter produtos de alto valor engadido como hidróxeno, metanol e amoníaco.
- Permae: Composteiro doméstico fabricado con redes de pesca recicladas e integrado nun sistema de verificación mediante IA e NFC.
No itinerario de aceleración:
- Mel do Capón: Modelo integral de apicultura sostible con sensores IoT, electrificación solar e monitorización avanzada.
- A Tribu Verde: Desenvolvemento dun sistema de integración de criterios ambientais en eventos culturais.
- Circular Climb: Creación de agarres de escalada fabricados con material reciclado baixo principios de economía circular.
- Thermopath: Batería térmica de alta temperatura para almacenar excedentes de electricidade renovable como calor e entregalos a procesos industriais intensivos.
- Compostree: Novo material compostable creado a partir de residuos forestais que substitúe ao plástico para os protectores de árbores nas grandes plantacións.
- Limea: Pinturas naturais de cal con enfoque circular e baixo impacto ambiental para a rehabilitación e a arquitectura.
- Ecolabel.AI: Plataforma SaaS para automatizar a etiquetaxe ambiental conforme á normativa europea.
- CORNEA: Sensores baseados en neutróns cósmicos para medir a humidade dos chans de cultivo.
Finalmente, os proxectos que participarán no itinerario de consolidación son:
- SOS Biotech: Economía azul e circular para a recollida e valorización de algas mediante tecnoloxía patentada de recolección.
- Reciclaxe Intelixente: Contedores intelixentes con sensores IoT para optimizar a recollida de residuos e promover a participación cidadá.
- Roseo: Mini eólica urbana modular con plataforma dixital para a descarbonización urbana.
- Bioplástico Circular PBB: Produción de bioplásticos biodegradables a partir de residuos industriais.
Ecosistema de colaboración
A terceira edición da BF ClimaTech conta coa colaboración activa de empresas tractoras que achegan mentorización, coñecemento sectorial e recursos aos proxectos participantes: AENOR, Agroamb, BIOeCO2, Bioetanol Galicia (Vertex Bioenergy), Coregal, Emalcsa, FEUGA, Gestán Conteco, Himikode, Sogama, Valtalia e Viaqua.
A aceleradora está apoiada por entidades investidoras de referencia que facilitan o acceso a redes estratéxicas, recursos especializados e asesoramento experto, co obxectivo de impulsar a súa consolidación e escalado: Noso Capital, Innpact e Ship2B Ventures.
Ademais, o programa conta co apoio de entidades científicas que garanten a viabilidade e o rigor técnico das propostas: Anfaco-Cytma, Cetaqua, CETIM, ClimateKIC, CTAG, ITG, CRETUS-USC, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo.
Impulso do emprendemento ambiental
Ao longo do programa, a BF ClimaTech ofrece aos proxectos un plan de apoio integral que combina mentorización especializada, formación adaptada ás necesidades de cada iniciativa, acceso a recursos técnicos e acompañamento estratéxico, así como conexión directa con empresas tractoras e entidades científicas e investidoras.
Fonte e imaxe: BF ClimaTech