- O contrato estará en vigor durante un período de 3 anos e inclúe a operación, mantemento e limpeza das instalacións, debendo encargarse a adxudicataria de distribuír e comercializar o abono resultante
- Así mesmo, a Sociedade adxudicou, por preto de 2 M€ e un período de 4 anos, o servizo de control de pesaxe e mantemento de básculas do seu Complexo Medioambiental de Cerceda
Cerceda, 31 de agosto de 2026.- Sogama adxudicou, por un importe de 3.436.684 euros (IVE incluído), o servizo de xestión integral das plantas de biorresiduos de Cervo (Lugo), Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Verín (Ourense), cuxo labor é transformar en compost a materia orgánica recibida nas mesmas e procedente dos contedores marróns de recollida selectiva.
O contrato estará en vigor durante un período de 3 anos e inclúe a operación, mantemento e limpeza das instalacións, debendo encargarse a adxudicataria de distribuír e comercializar o abono resultante.
A Xunta de Galicia, a través de Sogama, activou no seu momento unha rede de infraestruturas para a compostaxe da materia orgánica co obxectivo de axudar aos concellos a cumprir a lei, xa que, a partir do 1 de xaneiro de 2024, quedaban obrigados a implantar a recollida diferenciada desta fracción. Esta rede, á que se destinou un investimento de 45 millóns de euros, cun cofinanciamento de Fondos Europeos por importe de 30 millóns, está conformada por 4 plantas de biorresiduos (Cervo, Vilanova de Arousa, Verín e tamén a de Cerceda) e 13 plantas de transferencia de apoio (6 de nova construción e 7 sometidas a remodelación) ás que se dotou cunha tolva específica para o transvasamento do residuo orgánico, cun alto contido en humidade.
O fin último, e en aplicación do principio de proximidade, é que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (hoxe 304) conten cunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia, propiciando tamén con isto unha redución das emisións de CO2 á atmosfera derivadas do transporte.
As plantas públicas de biorresiduos obxecto do contrato aglutinan as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos: desde o pretratamento e a fermentación, ata a maduración e o almacenamento, así coma os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído. Sogama garante así unha actividade industrial respectuosa co medio ambiente e o benestar da cidadanía.
Ademais, nunha clara aposta polas enerxías renovables, unha parte das instalacións é autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao dispoñer de paneis solares fotovoltaicos, diminuíndo desta forma a dependencia de combustibles fósiis e contribuíndo á loita contra o cambio climático.
Adxudicado o servizo de control de pesaxe
Así mesmo, Sogama adxudicou, por un importe de 1.957.296 euros (IVE incluído), e un período de 4 anos, o servizo de control de pesaxe e mantemento de básculas no Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), necesario para rexistrar as cantidades de residuos que entran nesta infraestrutura e procedencia dos mesmos, así como dos materiais que salen con destino aos centros recicladores.
Saúdos, Departamento de Comunicación