SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A agricultura familiar, impulsora do desenvolvemento sostible segundo a FAO

Print this pagePrint this page
  • Xunto co FIDA, a FAO lanzou o pasado mes de maio o Decenio das Nacións Unidas da Agricultura Familiar, que contempla un Plan de acción mundial para impulsar o apoio aos campesiños familiares, en especial nos países en desenvolvemento.
  • As granxas familiares representan máis do 90% de todas as explotacións agrícolas do planeta e producen o 80% dos alimentos do mundo, erixíndose como as principais impulsoras do desenvolvemento sostible, así como ferramenta clave para a erradicación da fame e as distintas formas de malnutrición.
  • Ademais, preservan e restauran a biodiversidade e os ecosistemas, e utilizan métodos de produción que poden axudar a reducir ou evitar os riscos inherentes ao cambio climático.

Cerceda, a 18 de xuño de 2019.- A FAO, xunto co Fondo Internacional de Desenvolvemento Agrícola (FIDA), lanzaron o pasado mes de maio o Decenio das Nacións Unidas da Agricultura Familiar, que contempla un Plan de acción a nivel mundial para impulsar o apoio aos campesiños familiares, especialmente nos países en desenvolvemento.

As granxas familiares representan máis do 90% de todas as explotacións agrícolas do planeta e producen o 80% dos alimentos do mundo, erixíndose como as principais impulsoras do desenvolvemento sostible e ferramenta clave para a erradicación da fame e as distintas formas de malnutrición.

O Plan de acción mundial aporta asesoramento detallado á comunidade internacional sobre as medidas colectivas e coherentes que poden adoptarse durante o período 2019-2028 e destaca a necesidade de aumentar, entre outros factores, o acceso dos agricultores familiares aos sistemas de protección social, ao financiamento, aos mercados, á formación e ás oportunidades de xeración de ingresos.

Os agricultores familiares proporcionan alimentos sans, diversificados e culturalmente apropiados, e producen a meirande parte dos mesmos, tanto nos países en desenvolvemento como nos desenvolvidos, xerando oportunidades de emprego e axudando ás economías rurais a crecer.

Así mesmo, preservan e restauran a biodiversidade e os ecosistemas, e utilizan métodos de produción que poden axudar a reducir ou a evitar os riscos inherentes ao cambio climático, coa particularidade de que garanten o traspaso de coñecementos e tradicións dunha xeración a outra, promovendo ao mesmo tempo a equidade social e o benestar da comunidade.

MEDIDAS

Non obstante, os agricultores familiares enfróntanse en moitas ocasións a serios desafíos, xa que carecen de acceso a recursos e servizos para apoiar a produción e comercialización de alimentos. Entre outras razóns porque as súas infraestruturas son inadecuadas e porque as condicións ambientais e climáticas das que dependen atópanse ameazadas.

Estas limitacións acrecéntanse no caso das mulleres e no da xuventude, que tamén é moi vulnerable debido á falta de incentivos.

Así as cousas, o Plan de acción mundial do Decenio da Agricultura Familiar inclúe, entre outras moitas medidas, algunhas como as seguintes.

• Desenvolvemento e implementación dunha contorna normativa propicia que apoie a agricultura familiar a nivel local, nacional e internacional.

• Apoio á xuventude e mulleres das zonas rurais, permitíndolles acceder a distintos recursos.

• Fortalecer as organizacións de agricultores familiares e as súas capacidades para vincular o coñecemento local específico (tradicional) con novas solucións.

• Mellorar os medios de subsistencia dos agricultores familiares e reforzar a súa capacidade para facer fronte a distintos riscos.

• Promover a sostibilidade da agricultura familiar para contar con sistemas alimentarios resilientes fronte ao cambio climático, e con acceso, xestión responsable e uso da terra, auga e outros recursos naturais.

Fonte: FAO

Imaxe: Pixabay

Saúdos, Departamento de Comunicación

18 Xuñ 2019

Galería