- Farao no marco do proxecto europeo NEMURE, que ten por obxecto estudar o ecodeseño de envases multicapa para aumentar a súa reciclabilidade, pero conservando as mesmas características técnicas que permiten protexer e conservar os alimentos.
Cerceda, a 24 de xaneiro de 2020.- No marco do proxecto NEMURE, e tomando como referencia a Estratexia europea do Plástico, na que se recolle que todos os envases deberán ser reciclables ou reutilizables en 2030, o Instituto Tecnolóxico do Plástico (AIMPLAS) traballará no ecodeseño de envases multicapa reciclables para alimentos que, a día de hoxe, e dadas as súas características, son difíciles de reciclar.
A principal achega dos envases multicapa é que, grazas á incorporación de distintos materiais á súa estrutura, contan con interesantes propiedades para a conservación dos alimentos e para alongar a súa vida útil. É o caso da barreira ao osíxeno ou á humidade. O resultado son produtos de alto valor engadido para a industria do sector que, se ben evitan o desperdicio alimentario, presentan un reciclado máis complicado pola mestura de materiais.
Neste escenario, o proxecto NEMURE ten por obxecto estudar o ecodeseño de envases multicapa para aumentar a súa reciclabilidade, pero conservando as mesmas características técnicas que permiten protexer e conservar os alimentos. Con isto preténdese dar solucións reais ao sector dos plásticos, seguindo as directrices da economía circular.
A iniciativa contempla o estudo do ecodeseño de dous envases mediante a incorporación de alcohol polivinílico (PVOH), un polímero soluble en auga que se pode eliminar durante o reciclado mecánico e que cumpre coas propiedades que debe ter un material barreira.
Deste xeito, avaliarase a reciclabilidade dos novos envases desenvolvidos e investigarase a ausencia de ecotoxicidade en auga durante o reciclado dos mesmos a fin de asegurar a súa inocuidade e demostrar que o envase resultante ten un bo comportamento ambiental.
Trala validación dos resultados do proxecto coas empresas do sector, transferiranse os coñecementos.
Fonte: Aimplas
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación