- Aínda que o seu interese xiraba ao redor do operativa xeral da empresa pública, recreáronse especialmente no laboratorio da planta termoeléctrica, onde se levan a cabo analíticas de distintos parámetros, complementadas con inspeccións e avaliacións realizadas por organismos externos
- No contexto europeo, as plantas de valorización enerxética son as máis vixiadas nos seus aspectos medioambientais, pesando sobre as mesmas unha normativa moi esixente, mesmo máis rigorosa que a aplicada a calquera outra industria
Cerceda, 15 de abril de 2026.-Un grupo de estudantes do CIFP Ánxel Casal da Coruña, concretamente do Ciclo Superior de Laboratorio e do Ciclo Medio de Farmacia, visitou o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, interesado en coñecer a súa operativa en xeral e, sobre todo, os mecanismos de control ambiental que utiliza a empresa pública para garantir unha actividade industrial totalmente respectuosa co medio ambiente e a saúde das persoas.
De feito, no percorrido guiado realizado a pé, recreáronse especialmente no laboratorio que a Sociedade ten na planta termoeléctrica, no que se realizan analíticas que forman parte do seguimento de distintos parámetros, e que se complementan coa avaliación realizada por diversos organismos externos autorizados a fin de garantir en todo momento o estrito cumprimento da normativa vixente. De feito, as emisións de Sogama atópanse moi por baixo dos límites legais, coa particularidade de que, no contexto europeo, as plantas de valorización enerxética son as máis vixiadas nos seus aspectos medioambientais, pesando sobre as mesmas unha normativa aínda máis esixente e rigorosa que a aplicada a calquera outra industria.
Os integrantes do grupo realizaron un percorrido virtual para o que foron equipados con lentes inmersivas 360º, e a través do cal puideron visualizar o interior das distintas instalacións que conforman a infraestrutura cercedense, chegando así a espazos aos que, por razóns de seguridade, non é posible acceder nunha visita a pé, que tamén efectuaron acompañador por monitores de Sogama.
Como colofón á visita, organizouse un coloquio para que os alumnos e alumnas puidesen deixar constancia das súas opinións, observacións, comentarios e preguntas sobre a xestión de residuos en xeral e a actividade de Sogama en particular, e activáronse os xogos arcade para que tivesen ocasión de poñer a proba os seus coñecementos e habilidades seleccionando residuos e depositándoos no contedor correspondente.
Saúdos, Departamento de Comunicación