SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Arrinca a edición 2021-2022 do programa educativo “Recíclate con Sogama”

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • No mesmo participan 24 colexios de primaria (5 da provincia da Coruña; 5 da de Lugo; 4 da de Ourense; e 10 da provincia de Pontevedra).
  • A partir deste intre, botan a andar os proxectos en todos e cada un dos centros seleccionados, debendo xirar os seus traballos en torno ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
  • Para isto contarán co apoio permanente de Sogama, quen levará a cabo labores de asesoramento, formación, supervisión e avaliación, encargándose de proporcionar a cada colexio os medios materiais e didácticos necesarios.
  • O fin último é que os escolares sexan capaces de discernir con claridade os residuos que deben introducirse en cada contedor e  interioricen as bondades da reciclaxe, tanto no ámbito ambiental coma no económico e social.

Cerceda, a 30 de novembro de 2021.- Tras a análise e avaliación das candidaturas presentadas polos centros escolares interesados en participar na décima edición do programa “Recíclate con Sogama” 2021-2022, canalizado a través do Plan  Proxecta+ da Xunta de Galicia, resultaron seleccionados un total de 24 colexios (5 da provincia da Coruña; 5 da de Lugo; 4 da provincia de Ourense; e 10 da de Pontevedra).

A partir deste intre, comezan os proxectos en todos e cada un dos centros escolares seleccionados, debendo xirar o seu traballo en torno ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe). Para isto contarán coa axuda permanente de Sogama, quen proporcionará os medios materiais e didácticos para que a comunidade educativa no seu conxunto (alumnado, docentes, persoal auxiliar, así como pais e nais)  interiorice a necesidade de previr e reducir a produción de residuos, as posibilidades que ofrece a reutilización para alongar a vida útil dos produtos, así como a importancia de  segregar os materiais por tipoloxías e depositalos de forma diferenciada nos contedores de recollida selectiva para propiciar a súa posterior transformación en novas materias primas.

DOTACIÓN DE MEDIOS MATERIAIS E DIDÁCTICOS

Con tal fin, esta empresa pública xa está a proporcionar a cada colexio unha illa de reciclaxe, conformada por tres contedores (amarelo, azul e verde) de 120 litros e dotados con pedal, evitando con isto o contacto directo dos usuarios co recipiente.

Así mesmo, os centros que dispoñan de servizo de comedor e terreo (xardín ou horta), recibirán un composteiro, con capacidade para 400 litros, para elaborar o seu propio compost, que regresará á terra como abono natural, substituíndo aos fertilizantes artificiais.

Ao longo de todo o curso académico, os 24 centros estarán en contacto permanente cos educadores ao servizo de Sogama, os cales asesorarán e axudarán na boa execución dos seus proxectos. Desta forma, monitores especializados teñen estes días unha primeira entrevista co docente coordinador en cada centro para recabar os datos de maior interese, á vez que se lle proporcionará material didáctico de apoio (vídeos, xogos, titoriais, tanto para o equipo de profesores/ as como para os estudantes).

En xaneiro do próximo ano, levarán a cabo sesións formativas presenciais en cada colexio, que estarán apoiadas por distintos recursos divulgativos, incluíndo un xogo físico “O Tour dous tres erres”.

Tras distintas visitas de seguimento e asesoramento aos colexios participantes, Sogama realizará caracterizacións dos materiais depositados nos contedores de recollida selectiva a fin de avaliar o nivel de acerto, ou desacerto, á hora de introducir os residuos en cada recipiente, extremo que computará para a avaliación final de cada proxecto.

O obxectivo último é que, unha vez finalizados os traballos enmarcados nesta iniciativa, os escolares sexan capaces de discernir con claridade os residuos que deben introducirse en cada contedor e interioricen as bondades da reciclaxe, tanto no ámbito ambiental como no económico e social.

Así mesmo, agárdase que leven a cabo unha tarefa pedagóxica na súa contorna máis inmediata, servindo como prescritores das boas prácticas na xestión sostible dos residuos urbanos conforme ás directrices da economía circular.

CENTROS EDUCATIVOS SELECCIONADOS POR PROVINCIAS

Provincia de A Coruña (5 colexios)


Provincia de Lugo (5 colexios)


Provincia de Ourense (4 colexios)


Provincia de Pontevedra (10 colexios)


 
Saúdos, Departamento de Comunicación

30 Nov 2021

Galería