- A través da firma galega Coremain, a delegación centroamericana tivo a oportunidade de coñecer os pormenores dunha iniciativa que permitirá a esta Sociedade pública facer un seguimento, en tempo real, da rastrexabilidade dos residuos e proporcionar ao momento os datos de interese para os concellos
Cerceda, 3 de xuño de 2026.- Da man de Coremain, empresa galega especializada en consultoría tecnolóxica, desenvolvemento de software, outsourcing e enxeñaría de infraestruturas, representantes da Autoridade Nacional para a Innovación Gobernamental (AIG) da República de Panamá, viaxaron a Galicia para coñecer de primeira man, entre outras iniciativas, o proceso de transformación dixital de Sogama; un proxecto co que esta Sociedade pública poderá facer un seguimento, en tempo real, da rastrexabilidade do residuo desde que entra nas súas instalacións ata que sae das mesmas convertido en recurso, gañando en eficiencia. Esta mellora tamén beneficiará aos concellos, xa que disporán dunha plataforma específica en liña “Portal do Cliente” a través da cal poderán consultar ao momento a información do seu interese.
Neste sentido, cómpre lembrar que a transformación dixital constitúe un dos eixos do novo plan estratéxico de Sogama 2025-2030, co que esta entidade pretende avanzar cara a un modelo de xestión máis circular no que cobrará protagonismo a robotización, a intelixencia artificial, a xestión de novas fraccións de residuos, como é o caso do téxtil, e a descarbonización industrial.
A delegación panameña, liderada por Alfredo H. Remón, Director Nacional de Cumprimento, Normas e Solucións Verticais, aproveitou a ocasión para visitar o Complexo Medioambiental de Cerceda e facer un percorrido guiado polas instalacións que o conforman a fin de comprobar o tratamento dispensado aos residuos, orientado á reciclaxe ou ben á valorización enerxética da parte non reciclable, evitando deste xeito a vertedura, a opción máis contaminante.
Saúdos, Departamento de Comunicación