- En 2024, os fogares xeraron 69 quilos de desperdicio alimentario por persoa, o que representa o 53% do total medido por habitante.
- A Oficina Europea de Estatística destaca que o volume xerado nos fogares é case o dobre do correspondente aos sectores de produción primaria e fabricación de alimentos e bebidas considerados conxuntamente
Cerceda, 6 de outubro de 2026.- Segundo estimacións de Eurostat, a Unión Europea xerou en 2024 ao redor de 58 millóns de toneladas de desperdicio alimentario, equivalentes a uns 129 quilos por habitante. Os fogares concentran o maior volume, con 31 millóns de toneladas e unha participación do 54% do total. As estimacións exclúen as perdas de alimentos que non foron cultivados ou que non foron autorizados para a súa comercialización por motivos de seguridade.
Por sectores, despois dos fogares, a industria de transformación e fabricación de alimentos foi a que xerou un maior volume de desperdicio, con máis de 11 millóns de toneladas de materia fresca, equivalentes ao 20% do total.
O resto do desperdicio alimentario correspondeu á produción primaria, a restauración e os servizos de alimentación, e o comercio minorista e outras actividades de distribución alimentaria.
En 2024, os fogares xeraron 69 quilos de desperdicio alimentario por persoa, o que representa o 53% do total medido por habitante.
A produción primaria xerou ao redor de 10 quilos por habitante, mentres que a fabricación de produtos alimentarios e bebidas alcanzou os 25 quilos. En conxunto, ambos os dous sectores representaron o 27% do desperdicio alimentario xerado por habitante.
Pola súa banda, os restaurantes e servizos de alimentación produciron uns 15 quilos por persoa, mentres que o comercio minorista e outras actividades de distribución xeraron aproximadamente 10 quilos por habitante.
Eurostat destaca que o volume xerado nos fogares é case o dobre do correspondente aos sectores de produción primaria e fabricación de alimentos e bebidas considerados conxuntamente.
A prevención, o primeiro elo
A medición do desperdicio alimentario constitúe, segundo Eurostat, unha ferramenta para desenvolver estratexias de prevención e reducir os recursos empregados ao longo de toda a cadea alimentaria.
A diminución do desperdicio pode contribuír a minorar os custos para agricultores, empresas e consumidores, así coma o impacto ambiental asociado á produción, o transporte, a transformación e o consumo de alimentos.
A prevención do desperdicio alimentario forma parte das prioridades do Plan de Acción de Economía Circular da Unión Europea, que formula avanzar cara a modelos de produción e consumo máis sostibles.
Neste marco, a Comisión Europea creou en 2016 a Plataforma da UE sobre Perdas e Desperdicio de Alimentos, integrada por diferentes axentes, para apoiar o desenvolvemento de medidas destinadas á prevención. Entre os seus traballos inclúense as directrices europeas para facilitar as doazóns de alimentos e o uso na alimentación animal, no caso daqueles produtos que xa non están destinados ao consumo humano.
Fonte: Eurostat