- Sogama impartiu na sede de Accem Vigo unha sesión formativa dirixida aos usuarios desta organización, cuxo labor se orienta cara á protección dos dereitos e a dignidade das persoas en situación de vulnerabilidade
Cerceda, 28 de xaneiro de 2026.- En días pasados, os educadores de Sogama impartiron unha sesión formativa na sede de Accem Vigo, organización para o desenvolvemento social cuxo traballo se centra en protexer os dereitos e a dignidade das persoas en situación de vulnerabilidade, acompañándoas no seu camiño cara a unha oportunidade mellor.
Os usuarios desta entidade, con diferentes nacionalidades e situacións vitais certamente complexas, tanto persoais como familiares e laborais, mostráronse moi interesados en coñecer o funcionamento de Sogama en toda a súa amplitude, e non só desde a dimensión industrial, senón tamén desde a educativa e a social.
De feito, a monitora de Sogama quedou sorprendida polo gran esforzo que os asistentes fixeron para comprender as súas explicacións e mensaxes, xa que moitos deles aínda non dominan o noso idioma con fluidez.
Os participantes realizaron preguntas sobre o sistema de recollida selectiva e o destino de residuos habituais producidos nos fogares, dada a confusión que poden xerar ao estar fabricados con diferentes materiais. Con todo, e máis aló dos contedores situados nas vías públicas, e facilmente localizables polos usuarios, tamén trasladaron dúbidas ao redor dos refugallos que, dadas as súas características, deben levar aos puntos limpos ou ben aos propios contedores para roupa e calzado, conscientes de que hai entidades de economía social que se encargan de clasificar as pezas recollidas a través dos mesmos e darlles unha segunda vida: ben mediante a reutilización, doazóns a persoas que as necesitan ou comercialización en tendas de segunda man.
Cunha traxectoria de máis de 35 anos de traballo de acción social en España, Accem veu desenvolvendo solucións integrais e eficaces para responder con prontitude a realidades desafiantes.
Saúdos, Departamento de Comunicación