- As normas enmárcanse no Regulamento de Ecodeseño para Produtos Sostibles (ESPR) e teñen como obxectivo reducir a xeración de residuos, limitar o impacto ambiental e favorecer condicións equitativas para as empresas que aplican modelos de negocio máis sostibles
- A prohibición aplicarase ás grandes empresas a partir do 19 de xullo deste mesmo ano, mentres que as empresas medianas deberán cumprila en 2030
- Segundo os datos recollidos pola Comisión, cada ano destrúese en Europa entre o 4% e o 9% dos téxtiles non vendidos antes de chegar a utilizarse, unha práctica que xera ao redor de 5,6 millóns de toneladas de emisións de CO₂
Cerceda, 12 de febreiro de 2026.- O pasado luns, 9 de febreiro, a Comisión Europea adoptou novas medidas para impedir a destrución de pezas de vestir, accesorios e calzado non vendidos. As normas enmárcanse no Regulamento de Ecodeseño para Produtos Sostibles (ESPR) e teñen como obxectivo reducir a xeración de residuos, limitar o impacto ambiental e favorecer condicións equitativas para as empresas que aplican modelos de negocio máis sostibles.
Segundo os datos recollidos pola Comisión, cada ano destrúese en Europa entre o 4% e o 9% dos téxtiles non vendidos antes de chegar a utilizarse. Esta práctica xera ao redor de 5,6 millóns de toneladas de emisións de CO₂, unha cifra comparable ás emisións netas totais de Suecia en 2021.
Para facer fronte a esta situación, o ESPR introduce a obrigación de que as empresas informen sobre os produtos de consumo non vendidos que eliminan como residuos, así como unha prohibición expresa de destruír pezas de vestir, accesorios e calzado non vendidos. As medidas concrétanse nun acto delegado e un acto de execución adoptados xunto coa decisión.
O acto delegado establece excepcións específicas e xustificadas nas que se permitirá a destrución destes produtos, como por motivos de seguridade ou danos nos artigos, mentres que as autoridades nacionais serán responsables de supervisar o seu cumprimento. Pola súa banda, o acto de execución introduce un formato normalizado para a divulgación de datos sobre os volumes de produtos non vendidos que se refugan, requisito que será aplicable a partir de febreiro de 2027.
A Comisión sinala que, como alternativa á eliminación de existencias, as empresas poden mellorar a xestión do stock e as devolucións, así como explorar opcións como a revenda, a remanufacturación, a doazón ou a reutilización.
A prohibición de destrución de roupa, accesorios e calzado non vendidos aplicarase ás grandes empresas a partir do 19 de xullo deste mesmo ano, mentres que as empresas medianas deberán cumprila en 2030.
A Comisión lembra que a destrución de produtos non vendidos constitúe unha práctica estendida, cun impacto económico e ambiental significativo, e destaca o papel central do ESPR para impulsar produtos máis duradeiros, reutilizables e reciclables no mercado europeo.
Fonte e imaxe: Comisión Europea