SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Compostar pode axudar a reducir o impacto humano no planeta

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Cada ano pérdense ou desperdícianse en todo o mundo 1.300 millóns de toneladas de alimentos; un fenómeno con graves consecuencias ambientais, económicas, sociais e morais.
  • Ademais de agravar a fame e a inseguridade alimentaria, a perda e o desperdicio de alimentos contribúen ás tres crises planetarias que ameazan o noso futuro colectivo: o cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación.

Cerceda, a 20 de setembro de 2021.- Conforme ao Índice de desperdicio de alimentos do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), cada ano pérdense ou desperdícianse en todo o mundo 1.300 millóns de toneladas de alimentos, un fenómeno con graves consecuencias ambientais, económicas, sociais e morais.

Coa fame en aumento a nivel mundial, debido á pandemia de COVID-19, a necesidade de reducir este malgasto faise cada vez máis urxente.

Segundo o “Estado da seguridade alimentaria e a nutrición no mundo 2021”, un informe publicado o pasado mes de xullo pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, o Programa Mundial de Alimentos, a Organización Mundial da Saúde e outras axencias da ONU, unha décima parte da poboación mundial (ata 811 millóns de persoas), estaban desnutridas en 2020, alomenos118 millóns máis que en 2019. Ademais de agravar a fame e a inseguridade alimentaria, a perda e o desperdicio de alimentos contribúen ás tres crises planetarias que ameazan o noso futuro colectivo: o cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación.

E, se ben as perdas e o desperdicio ocorren en todo o sistema alimentario, as persoas e os fogares poden axudar a enfrontar o desafío, xas que case 570 millóns de toneladas de perdas e residuos prodúcense nos fogares, polo que a acción dos cidadáns resulta fundamental.

As pautas emitidas polo PNUMA e o Instituto de Estratexias Ambientais Globais (IGES) mostran que a práctica da compostaxe é unha das mellores alternativas para xestionar os refugallos orgánicos e, ao mesmo tempo, reducir os impactos ambientais.

A compostaxe axeitada dos refugallos orgánicos que xeramos na nosa vida diaria (alimentos non comestibles ou non utilizados) pode reducir a dependencia de fertilizantes químicos, axudar a recuperar a fertilidade do solo e mellorar a retención de auga e chegada de nutrientes ás plantas.

Ao reducir o desperdicio, a compostaxe tamén axuda a diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro que afectan o cambio climático, toda vez que a perda e o desperdicio de alimentos xeran aproximadamente entre o 8 e o 10% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro, mentres que o uso da terra e os recursos hídricos exercen unha presión cada vez maior sobre a biodiversidade.

Doreen Robinson, xefa de Vida Silvestre do PNUMA, asegura que “a nosa relación coa natureza non está equilibrada. Os seres humanos estamos a consumir e a refugar continuamente, e a natureza está a darnos continuamente", ao que engade "temos que aplicar o pensamento circular no que se sostivo a vida e no que as cousas se reutilizan continuamente".

Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente

20 Set 2021

Galería